O ex presidente da Xunta ergueuse do seu escano para responder en castelán a Pérez Bouza, do BNG: "Non lle consinto leccións de nada, moito menos de galeguismo".
O Senado aprobou esta cuarta feira a toma en consideración dunha iniciativa para ampliar o uso das linguas oficiais na Cámara co voto en contra do PP, que considera que este uso terá un importante custo económico para "algo que non é urxente nin necesario", e que "non é constitucional".
O pleno aprobou a proposta de reforma do Regulamento do Senado por 134 votos a favor e 122 en contra -os do PP e a senadora de UPN-, logo dun tenso debate onde a maioría dos portavoces interviñeron nalgunha das catro linguas oficiais para se dirixir ao pleno.
Entre estes, a secretaria de Organización do PSOE e senadora pola Comunidade Valenciana, Leire Pajín, que comezou a súa intervención falando primeiro en éuscaro e, a continuación, en catalán e en galego.
Pola banda dos 34 senadores promotores da iniciativa, o senador da Entesa Miquel Bofill (ERC) dixo que é unha proposta "transversal e aberta", que "non vai contra nada nin contra ninguén", senón a prol das catro linguas oficiais no Estado, da "pluralidade e da democracia".
Falou Fraga
Xosé Manuel Pérez Bouza, senador do BNG, recriminou a Manuel Fraga que votase en contra da iniciativa. O nacionalista galego -que concluíu a súa intervención coa lectura dun poema de Manuel María- incidiu na "manía persecutoria" do PP por todas as linguas do Estado e "especialmente co galego", e puxo de exemplo o coñecido como 'decretazo'.
Esta intervención motivou que o ex presidente da Xunta tomase a palabra. Ergueuse do seu escano e, en castelán, dixo: "Servín a Galiza durante bastantes anos, tiven a honra de ser o seu presidente. Síntome profundamente galego, que é a miña forma de ser español. Non lle consinto a este señor que acaba de falar que me dea leccións de nada. E moito menos de galeguismo!".
Nunha nota enviada aos medios, o senador do PSdeG Luís Ánxel Lago Lage sinalou que "as linguas son un patrimonio cultural de todos os españois, e un reflexo da súa pluralidade e da súa identidade, polo tanto, debemos ser quen de asumir que as linguas que con toda normalidade se usan na rúa, poidan tamén utilizarse na cámara territorial do Senado".