III Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Compostela. Na Coruña o Foro de Inmigración solidarízase cos vendedores.
A Marcha Mundial das Mulleres promove este sábado a súa terceira Acción Internacional, que terá lugar na capital do país. Entre o oito de marzo e o 17 de outubro terán lugar accións semellantes en todo o mundo, como un xeito de facer ouvir as súas voces contra a violencia e a pobreza contra as mulleres.
A mobilización comezará ás seis da tarde, despois da chegada en tren a Compostela de participantes dende todos os puntos do país. A esa hora, arrincará unha marcha reivindicativa dende a estación de trens até a Praza de Cervantes. Alí, ás 18:30, terá lugar unha festa, coa presentación das 'marchantas', unha merenda e a participación das supervedettes Churra e Merina.
A marcha deste ano pretende amosar o obxectivo común de superar a inxusta orde actual e demostrándoo marchando en solidariedade coas mulleres que non teñen liberdade por mor da guerra ou conflitos armados, pola división sexual do traballo, polo sistema patriarcal ou pola falla de tempo que as mulleres teñen por seren as principais responsábeis dos coidados.
Apoio aos 'manteiros'
O Foro Galego de Inmigración convoca, tamén este sábado, ás sete do serán no Obelisco da Coruña un acto público a prol da despenalización da actividade dos 'manteiros' e impedir que se lles impoñan penas de prisión pola súa actividade. O acto, convocado pola rede local coruñesa, "Somos inmigrantes", pretende solidarizarse coas persoas que se ven na obriga de desenvolver actividades de ven da na rúa fronte á persecución que están a sufrir en diferentes zonas do país, tanto polos concellos como polas brigadas de estranxeiría.
O acto consistirá nunha representación de "mantas brancas", nas que se poñerán persoas de cor 'branca' a simular o traballo que realizan os 'manteiros', e rematará coa lectura dun manifesto de apoio ao colectivo. O Foro promove actuacións semellantes noutras vilas e cidades "para tentar concienciar o conxunto da sociedade galega sobre as demandas xustas deste colectivo".