Pechouse o VII Encontro Internacional da Marcha Mundial, que reuniu en Panxón a 150 delegadas de 40 países.
A manifestación reuniu a máis de dúas mil persoas, que pediron "Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo, e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres". A marcha caracterizouse polo seu ambiente festivo e lúdico, nunha mañá moi soleada en Vigo. Participaron varios membros do goberno galego, entre os que estaban Anxo Quintana, Ánxela Bugallo e Teresa Táboas.
A marcha partiu da Praza do Rei ás doce e media do mediodía e rematou na esplanada da Estación Marítima. Puideron lerse faixas reclamando o aborto gratuíto na sanidade pública, a fin da violencia contra as mulleres e o acceso á alimentación de todos os pobos.Ao remate da marcha tomaron a palabra representantes da MMM de Galiza, Filipinas, Mali e Brasil, para esixir "a fin das guerras, do capitalismo e do patriarcado machista", á vez que recordaron que "as mulleres deben seguir en marcha até que todas sexan libres". No manifesto tamén fixeron referencia á situación de violencia e pobreza que padecen as mulleres do Congo, Irak, Afganistán ou Irán, e a "necesidade de estar vixiantes" ante as accións dos Gobernos do primeiro mundo e da ONU, á que acusaron de non facer "nada" para atallar situacións de violencia e inxustiza.
Antes, ás 12 da mañá, as delegadas dos 48 paises presentes no VII Encontro Internacional da Marcha Mundial, construíron un milladoiro na Praza do Concello de Vigo, un proxecto artístico creado por Ana Gesto, Ada Adriana García e Marta López.
Na xuntanza que se veu desenvolvendo en Panxón (Nigrán), participaron mulleres chegadas de todos os continentes, un total de 150 delegadas de 40 países. O anterior encontro celebrouse en Perú en 2006 e a próxima xuntanza da Marcha a nivel mundial será no 2010. Ademais, o sábado a MMM organizou na Praza da Estrela de Vigo a Feira da Soberanía Alimentaria, na que diferentes colectivos informarán sobre iniciativas relacionadas co dereit dos pobos a decidir "cómo producen e cómo consumen os seus alimentos".