Leva 10 días retida no aeroporto de Lanzarote, logo de que Marrocos lle retirase o pasaporte.
Aminatu Haidar
Militantes saharauís e estudantes universitarios de varias cidades marroquís iniciaron na madrugada do luns a este martes unha folga de fame de 24 horas en apoio á Aminetu Haidar. A activista dos dereitos humanos leva xa 10 días no aeroporto de Lanzarote (Illas Canarias), logo de que Marrocos lle retirase o pasaporte.
Neste senso, o Foro Galego de Inmigración convocou unha concentración pacífica fronte á subdelegación do goberno español en Ourense, baixo o lema: Todas/os somos Aminetu Haidar - Todas/os queremos regresar! en solidaridade coa activista saharauí. Será esta cuarta feira, ás 20.00 horas.
O ministro español de Asuntos Exteriores, Miguel Ángel Moratinos, explicou este luns que a única saída á situación é que Haidar acepte un novo pasaporte marroquí ou o estatuto de refuxiada que lle concedería o Estado Español.
Haidar, que leva máis dunha semana en folga de fame, reiterou o seu desexo de que a devolvan a El Aaiun "con ou sen pasaporte". Insiste en que non se moverá do aeroporto e rexeita o pasaporte marroquí. "Se teño que ficar aquí pode que sexa para sempre", declarou este martes.
A ONU, pendente
Ao respecto, o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, dixo estar "preocupado" polo seu caso, e chamou a atención pola vaga de detencións realizadas por Marrocos nos territorio ocupados do Sáhara Occidental de cara ás negociacións de paz entre as partes.