A deputada española explicou que usou o adxectivo co significado de "persoa que non se sabe se sobe ou baixa".
A voceira de UPyD, Rosa Díez, aclarou este xoves que non quixo ofender cando definiu como "galego, no sentido máis pexorativo da palabra" o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e subliñou que empregou o adxectivo "de forma coloquial".
Díez subliñou que, coloquialmente, o termo "galego" se lle atribúe a unha persoa que, como Zapatero, "agás el mesmo, ninguén sabe moi ben se sobe ou se baixa, ou sexa, o que vai facer ou deixar de facer". A deputada asegurou que ese uso non supón ningunha crítica negativa e que ela "nunca xamais" o emprega "en termos ofensivos". Nese senso, lembrou que na mesma entrevista falou de "bilbainada" co significado de "bravata".
Con respecto ás reaccións ás súas verbas, Díez dixo que "ninguén que non teña mala fe" pode entender que pretendía ofender a ninguén. "Alguén quixo coller o can polas orellas -resumiu-. Non creo que haxa máis ca un interese desmedido de sacar as cousas de contexto".
Resposta de Feijoo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, respondeulle á deputada de UPyD que "non ofende quen quere senón o que pode" e subliñou que o "mellor" e dar as súas palabras "por non feitas". "Lamento profundamente que haxa un político no Estado Español que non se decate de que determinadas manifestacións son unha falta de respecto para a comunidade e para uns españois que somos galegos a moita honra", manifestou ao remate do Consello da Xunta.
Dirixíndose a Feijoo, Rosa Díez dixo que "non sei se el me quixo ofender a min, o que é seguro é que eu non quero ofender a ninguén".
Pola súa parte, o presidente da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín, lembrou que as acepcións negativas do termo "gallego" foron eliminados pola Real Academia Española, aínda que "parece que non foi así dalgunhas mentalidades".