Rosa Díez volve aplicar o termo con senso despectivo nunha entrevista en CNN+, perante un impasíbel Iñaki Gabilondo.
Momento en que Iñaki Gabilondo lle fai a pregunta a Rosa Díez / CNN+
A deputada de UPyD no Congreso, Rosa Díez, volveu insistir na súa tese de que o cualificativo de "galego" é pexorativo. Nunha entrevista concedida a CNN+, conducida polo xornalista Iñaki Gabilondo, Díez definiu a José Luis Rodríguez Zapatero como que "podería ser galego no sentido máis pexorativo da palabra".
Xa non é a primeira vez que a política máis valorada do Estado Español -segundo a última enquisa do CIS- lle atribúe un carácter negativo á galeguidade. Fixera o mesmo o pasado mes de outubro, daquela referida a Alberto Núñez Feijoo, do que dixera que "para min está a ser demasiado galego, no sentido pexorativo do termo".
Nas pasadas eleccións galegas, en marzo de 2009, o partido de Rosa Díez converteuse na cuarta forza do país en número de votos, con 23.796 sufraxios, o 1,41% do total.
Neste vídeo, publicado no YouTube polo propio partido de Rosa Díez, podemos ver, arredor do minuto 5, como a deputada fai esa descrición diante dun Gabilondo que, impasíbel, non lle pide ningunha explicación polo cualificativo. De feito, o blog do xornalista vasco estase a encher de comentarios de persoas que lle recriminan o seu silencio.
Repulsa dos partidos parlamentarios
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pediulle a Rosa Díez que presente "desculpas de inmediato" ao pobo galego por usar o adxectivo como insulto. Vázquez preguntouse "cal é o sentido máis pexorativo do termo galego" e afirmou que "nós desde logo nunca aplicaríamos o termo pexorativo a nengún xentilicio do Estado español nin de nengún outro Estado do mundo".
Considerou as declaracións de Díez como "unha intolerábel manifestación de racismo antigalego e de rancio chovinismo que se compadece mal cos modos que debe exhibir a dirixente dunha formación política democrática". Por iso, engadiu que "a señora Rosa Díez ten que retirar imediatamente as súas palabras" e quw lle debe "unha explicación á sociedade galega".
Tamén, á última hora da tarde deste mércores, pronunciáronse desde o PPdeG. O portavoz parlamentario dos 'populares', Manuel Ruíz Rivas, cualificou como "o máis desafortunadas posíbeis" as palabras usadas por Díez.
"O mínimo que se lle pode exixir á señora Rosa Díez é que pida desculpas", sinalou Ruiz Rivas.Ademais, engadiu que "agora entendo porque a señora Rosa Díez representa un partido que non deixa de ser marxinal en España, que descoñece a realidade de Galiza e dos galegos".
Por último, desde o PSdeG, o oseu secretario de Organización, Pablo García, considerou que "é un ataque frontal a toda a sociedade galega". As declaracións de Díez "exixen, con total claridade, unha desculpa pública". Ademais, o político socialista pediu á portavoz de UPyD que retire as palabras pronunciadas.
"O primeiro e único que ten que facer é rectificar e pedir desculpas a toda a sociedade", dixo García, e engadiu que "non é de estrañar vindo de quen vén, unha persoa que se caracteriza polo ataque a Galiza".