Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONGRESO PROVINCIAL OURENSE

O baltarismo recunca: Baltar Blanco suma o 60% dos votos

Relevará o seu pai na presidencia do PP de Ourense ao conseguir o apoio de 1156 compromisarios, fronte aos 433 do ser rival.

Redacción - 13:10 30/01/2010

Ao final non houbo sorpresas e cumpríronse, máis que menos, os vaticinios de Xosé Luís Baltar. O seu fillo, Xosé Manuel Baltar Blanco, será o novo presidente do PPdeG en Ourense logo de 18 anos dunha dirección moi persoal dirixida polo fundador do chamado baltarismo, que conseguiu un gran triunfo fronte á dirección do partido.

Baltar Blanco sumou o 60,19% dos votos emitidos polos compromisarios no XV Congreso provincial dos populares, mentres que o seu rival, o alcalde de Verín, Manuel Jiménez Morán, obtivo o 36,05% dos apoios. As cifras repartíronse así: o novo presidente recabou o respaldo de 723 delegados, mentres que Jiménez Morán conseguiu 433 votos dos 1.201 emitidos. Ao tempo, outras 45 papeletas foron declaradas como non válidas.

O chamado a ser continuador do baltarsimo, fundiuse nun abrazo co seu pai en canto se coñeceron os resultados.

Aviso a navegantes
Antes da votación e con interrupcións continuas, polos aplausos e gritos continuos dos militantes que xa o aclamaban como "presidente, presidente", Baltar Blanco lanzou unha advertencia á dirección popular (que estaba representada no pavillón polo portavoz Antonio Rodríguez Miranda, sentado á beira de Jiménez Morán): "Non veño a presidir a Deputación, senón o partido". Asegurou que a institución provincial ten agora "o mellor presidente" e asegurou que o seu pai "ocupará o cargo mentres el queira".

 "Galeguismo ourensán"
A diferencia do seu rival, que falou en todo momento dun "galeguismo integrador" atendendo ás teses do propio PPdeG, Baltar Blanco reivindicou o galeguismo como "un dos principais piares do PPdeG" e, con maior intensidade, en Ourense: "En ningún sitio se pode falar máis alto de galeguismo que en Ourense", asegurou.

Entre o público non estaban durante a súa intervención nin o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, nin o secretario xeral da formación, Alfonso Rueda, que non chegaron a tempo para ocupar os seus postos reservados nas primeiras ringleiras e escoitar as intervencións previas dos candidatos nin o discurso de despedida que pronunciou Baltar Pumar.

Jiménez Morán promete lealdade
Pola súa parte, o outro candidato, Xoan Manuel Jiménez Morán, anunciaba antes da votación que sería"leal" á candidatura que gañase o apoio da militancia, como xa o foi a Baltar Pumar, a quen tamén propuxo como presidente de honra do partido: "es un referente para min", dixo ao tempo que se comprometeu a "non traizoar a memoria política de quen deu a súa vida polo PP".

Así, nun discurso conciliador asegurou que "ninguén sobra" no PP de Ourense e volveu a pedir un partido "respectuoso con quen pensa diferente dentro dun ideario común": "non quero que ninguén sexa cualificado de traidor por non comungar coa liña oficial", avisou.


4,29/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: