O aínda presidente provincial do PP asegura que o partido sairá fortalecido e que continuará na súa liña gañadora. Ademais, opina sobre o decreto do galego. Video no interior.
“O que se decide esta fin de semana en Ourense non é o futuro do PP”, asegura ás cámaras de Vieiros o presidente provincial do PP e presidente da Deputación ourensá, Xosé Luís Baltar. O que se decide, nas súas palabras, é o nome do novo dirixente, porque o futuro da formación vai seguir sendo o mesmo, o dun “partido netamente gañador”.
Mentres a competición entre Xosé Manuel Baltar e Xoán Manuel Jiménez Morán polo poder popular ourensán recrúa, o máximo expoñente en activo do chamado sector da boina prognostica, sen dubidar, a continuidade do baltarismo. Sen vacilar, responde co nome de seu fillo á pregunta de quen será o seu sucesor no cargo e adianta unha vitoria nada axustada para este sábado: “en porcentaxes, un 70% fronte ao 30%”, augura.
Alén de reflectir algún tipo de tensión, Baltar apela reiteradamente a palabras como “acto democrático” ou “contraste de ideas” para adiantar que o PP sairá do congreso provincial “unido para procurar os mellores resultados”.
Decreto do galego
Tamén opina Xosé Luís Baltar sobre a actual polémica en torno ao decreto do galego no ensino. O presidente da Deputación defende que o proxecto da Xunta é o de manter a aprendizaxe nun 50% en cada unha das dúas linguas oficiais, o galego e o castelán. “Cando se falou do plurilingüismo”, di, “era co obxecto de aplicalo máis adiante, como unha meta”.
O único que lle apón ao anterior goberno bipartito, explica, era o de “querer impor” e asegura que toda esta polémica non ten porque prexudicar a imaxe da nosa lingua entre os galegos: “o único que temos que facer é facer que as novas xeracións non o entenden como un traballo máis, senón que se sintan orgullosos de presumir de que somos un país bilingüe, distinto aos demais”.
Vídeo 1: Baltar opina sobre o Congreso Provincial
Vídeo 2: Baltar fala do decreto do galego no ensino