O seu secretario xeral, Alfonso Rueda, propugna que o aparato vele pola “transparencia e exemplaridade” do congreso.
O PP de Ourense vive unha auténtica guerra civil dende que o fillo de Xosé Luís Baltar anunciase que optaría á presidencia provincial do partido. Na dirección galega do PP proe a posibilidade de que o 'baltarismo' siga a ser hexemónico na provincia. O candidato rival, Jiménez Morán, conta co pleno apoio de Feijoo. Aínda que o presidente opte por medir as súas palabras en público, os seguidores de Xosé Manuel Baltar Blanco están moi molestos porque consideran que a dirección galega está a poñer todos os medios a disposición do alcalde de Verín.
O fontaneiro do PPdeG, Alfonso Rueda, foi claro este venres nunha entrevista na Televisión de Galicia. O lugartenente de Feijoo advertiu que a dirección autonómica vai “colaborar” co comité organizador para que o congreso provincial do vindeiro 30 de xaneiro se desenvolva nas “máximas condicións de transparencia e exemplaridade”.
Mentres que Jiménez Morán salaia pola intervención do PPdeG, Baltar quere que todo se resolva sen “inxerencias” extraprovinciais. No camiño unha guerra xorda e un cruce de acusacións. Para uns, Baltar está a aproveitar os resortes da Deputación para presionar alcaldes e militantes. Outros denuncian que as presións tamén chegan dende os corredores de San Caetano.