Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Centros de día

O PPdeG quéixase de chamadas a usuarios do Consorcio anunciando o empeoramento do servizo

Antonio Rodríguez Miranda culpou dos feitos a militantes do BNG, mentres Carlos Aymerich asegura que o xerente do Consorcio confirmou a privatización de 14 centros.

Redacción - 19:00 01/12/2009

O voceiro do PPdeG, Antonio Rodríguez Miranda, denunciou que existen "chamadas ameazantes" por parte de traballadores do Consorcio "presuntamente ligados ao BNG" a familiares de usuarios dos centros de día. Segundo Rodríguez Miranda, nesas chamadas din que a Xunta recortará servizos como o transporte integrado e que subirá os prezos.

O dirixente 'popular' cualificou os feitos de "campaña nauseabunda" e asegurou que non se recortará nin un só servizo nin se incrementará o custo para os usuarios. De feito, anunciou que a Xunta poñerá en marcha 577 novas prazas na rede de centros de día de Galiza. Asemade, felicitouse polo feito de que o Goberno conseguise que o organismo "deixe de ser un retiro dourado para cargos do BNG ou unha ETT para militantes e simpatizantes con carné do Bloque e colocados a dedo".

Pola súa banda, o voceiro do grupo do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, instou o PPdeG a que deixe de "acosar" o persoal do Consorcio e non tente erguer unha "cortina de fume" coa que agochar feitos como a privatización de 14 centros de día, confirmara polo xerente do Consorcio, "para lle entregar a xestión a empresas afíns".

Aymerich advertiu o voceiro do PPdeG de que membros do seu partido e do actual Goberno xa se viron obrigados a rectificar publicamente acusacións semellantes para ocultar "un paso máis cara ao desmantelamento dos servizos sociais públicos". O voceiro nacionalista asegurou que malia a "poderosa maquinaria de mentira e propaganda" dos 'populares', o BNG seguira co compromiso por uns servizos sociais públicos e de calidade, que non poden ser "oportunidade de negocio".

O voceiro do BNG considera "intolerábel" que o PPdeG queira estender este modelo ao conxunto dos Servizos Sociais do país en vez de apostar "por uns servizos profesionalizados, iguais para todos, dos que os usuarios, ademais, se senten plenamente satisfeitos".


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: