O conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, cre que é prioritario establecer medidas de seguridade para que non se repitan os feitos.
Cando aínda non se cumpriran 24 horas dende a fin do secuestro do 'Alakrana', o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, anunciou este mércores que rematara a tregua co goberno español ao que lle demanda “explicacións inmediatas” sobre o rescate. Adiantou que para a Xunta “é evidente que as cousas non se fixeron ben”. Aínda así, Rueda di que non van facer unha valoración política completa até que o executivo de Rodríguez Zapatero dea explicacións “máis amplas”.
Dende o Goberno queren que se garanta a seguridade dos mariñeiros que aínda faenan no Índico e que establezan políticas claras para lograr este obxectivo. Tamén garantiu que a Xunta facilitará o apoio psicolóxico e sanitario que precisen os oito mariñeiros galegos, que chegarán a Galiza esta fin de semana.