Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Balance de lumes até setembro

Ardeu menos grazas ao bipartito, a Juárez ou a San Pancracio?

O conselleiro ve un cambio de tendencia. PSdeG e BNG recordan as medidas que deixou o bipartito e agoiran retroceso se o PP teima na desprofesionalización do servizo anti-incendios.

Redacción - 18:30 13/10/2009

A día 30 de setembro, e visto o reconto desde o primeiro de xaneiro, son un total de 3.741 lumes forestais os que aparecen no rexistro oficial da Xunta (A estatística oficial recolle 2.294 incendios no mesmo período en 2008; 1.166 en 2007; 6.943 en 2006 e 11.064 en 2005. Sinala o Goberno que a media dos últimos dez anos é de 7.905 lumes neses nove meses). Ao tempo, a Consellaría de Medio Rural expón que o número de hectáreas queimadas deica outubro foi de 10.097 (En 2008 arderan 6.039 hectáreas; en 2007 foran 2.925 h., en 2006 queimáronse 95.877, e en 2005 foron 52.879. A media da última década queda en 30.137 hectáreas).

As cifras foron achegadas este martes no Parlamento polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, quen afirmou que estes números supoñen o cumprimento "íntegro" dos obxectivos presentados no Plan de Defensa Contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2009). Para Juárez, a contabilización do treito de maior risco de incendios do ano, indica que neste 2009 se observaría "unha tendencia á redución". Para o conselleiro trátase do resultado da "maior concienciación social", dun incremento da "eficacia" da actuación da administración, incluídas as forzas de seguridade na persecución "desta actividade delitiva".

O PSdeG ve buratos graves no servizo contra o lume
"Aposten pola prevención e non polo modelo San Pancracio de rezar para que chova", recomendoulle na Cámara a voceira socialista en materia de Agro, Sonia Verdes, ao conselleiro do Medio Rural. Recordou Sonia Verdes o problema da biomasa acumulada no monte e as complicacións engadidas pola cantidade de madeira danada polo temporal Klaus "que non foron quen de retirar a tempo" malia o proxecto que con tal fin "deixou o anterior goberno". "Converteron o monte nun auténtico polvorín", censurou.

Ao fío, a deputada socialista acusa o PP de fomentar desde a Xunta "a ligazón do lume con postos de traballo", en referencia á aposta polo modelo de brigadas municipais que, na opinión de Sonia Verdes é unha "volta atrás" e un modelo de "demostrada ineficacia" que no seu día fomentou a cultura do lume "e a súa utilización con fins electorais". Ao respecto, denunciou a presunta intención dos populares de rematar coas políticas de prevención "coa ausencia dunha política forestal responsábel que aposte polo mellor aproveitamento do monte". En días pasados, os socialistas xa insistiran na vaga de "recortes, desmantelamento, desprofesionalización e parálise" que na súa opinión definirían a política desenvolvida pola Xunta en materia de incendios. Critican así as "paralizacións" nas medidas preventivas que despregaba a empresa pública Seaga, en relación aos traballos de silvicultura que se viñan realizando.

"Ataque as causas do lume", recomenda o BNG
No mesmo sentido, Tareixa Paz, voceira parlamentaria do BNG no eido de Medio Rural, advertíalle ao conselleiro de que "se non hai unha política que ataque as causas do lume en Galiza, os medios de extinción nunca serán suficientes e non terán eficacia". Para Tereixa Paz, os datos de redución de lumes expostos este martes polo conselleiro son resultado da "tendencia positiva iniciada en 2006 cando o BNG tomou dende a Consellaría do Medio Rural decisións acertadas no ámbito da prevención e loita contra os incendios". Destacou nese sentido a aprobación da vixente Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a aprobación do PLADIGA e os cambios no dispositivo de extinción que se puxeron en marcha dende a campaña de 2007, "cun dispositivo profesionalizado, cun mando único e con medios tecnolóxicos avanzados".

E porén, amosouse pesimista a deputada do Bloque ao respecto do futuro. "Estase a baixar a garda", reprochoulle á Xunta, acusando a Medio Rural de aparcar a política multifuncional, de valoración do monte e de restruturación da propiedade forestal". Unha actitude de "paralización" de proxectos de posta en valor do monte que a representante nacionalista cualificou de "incomprensíbel, a non ser que se faga por sectarismo político". Como exemplo, citou o freo a iniciativas relacionadas co cambio da estrutura do monte, caso das ordes de valoración e multifuncionalidade "que este ano se eliminaron", ou a paralización das UXFOR (Unidades de Xestión Forestal) e a supresión das axudas ás plantacións de árbores frondosas".


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: