O ex-alcalde popular, Eladio Capón, descarta presentar unha moción contra ao socialista Darío Piñeiro, ao non chegar a acordo cos concelleiros de TEGA.
Logo de que nos pasados meses se rumorease coa posibilidade dunha moción de censura en Láncara, este martes o portavoz popular, Eladio Capón, descartou esta opción. Despois de recoñecer conversas en firme cos concelleiros de Terra Galega (TEGA), adiantou que "non creo que poida ser porque eles mesmos non se entenden".
En Láncara goberna actualmente o PSdeG, con Darío Piñeiro como alcalde. Porén, o goberno foi posíbel grazas ao apoio de TEGA, cos que se comprometeran a estabelecer dúas quendas de dous anos de poder para cada un dos partidos. Con todo, unha vez rematado o verán, os socialistas non traspasaron o goberno aos conservadores, polo que se esperaba que estes chegasen a un acordo cos populares para forzar un cambio.
Así as cousas, Eladio Capón entende que hai diferentes opinións entre os dous edís de TEGA. O popular ofreceulles reintegrarse no PP e mesmo a tenencia de alcaldía e a concellería de obras respectivamente, máis dixo que "nin con esas". Acusa aos concelleiros de "excesivamente ambiciosos", porque "queren a toda costa a alcaldía", un poder que, adiantou, "non lle vamos dar de ningunha maneira".