Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÍTICA LOCAL

A dous anos das municipais, precipítanse as crises de goberno

Silleda é o último dos concellos en sumarse a unha longa lista de corporacións inestábeis, logo de quedarse o PSdeG con só tres edís.

Isabel G. Couso - 20:00 16/06/2009

Mocións de censura como a que se albisca en Láncara; mocións de confianza como a que se vén de vivir en Arteixo; gobernos en minoría como o de Silleda... Superamos o ecuador da lexislatura municipal, e os diferentes gobernos que non contan coa maioría absoluta comezan a facer evidentes as súas eivas. A política local salta á primeira plana da actualidade informativa e, un tras doutro, os outrora solventes grupos de goberno, comezan a dar síntomas de febleza.

Silleda: unha loita polo poder que deixou un goberno en minoría
A alcaldesa, Paula Fernández (PSdeG), e dous edís, Manuel Cuíña e Dolores García. A estes tres compoñentes limítase agora o grupo de goberno do concello trasdezao. A máxima dirixente municipal anunciou este martes a súa decisión de "retirar publicamente a confianza ao edil Xerardo Lázara" e dar por esgotadas as negociacións cos dous edís non adscritos.

Remata así unha situación de inestabilidade, que ven de lonxe, e que xa tiña instalada a política municipal de Silleda nunha continua crise. De primeiras, os dous edís non adscritos ao PSdeG, Xabier Cuíña e Ofelia Rei, presentaran a súa renuncia. Quedou entón a situación como segue: dos trece concelleiros dos que dispoñía o concello, o PSdeG quedaba con catro (nas eleccións sumara seis), o Partido Popular con outros seis, o BNG con un e o grupo de non adscritos sumaba dous. Logo dos últimos acontecementos, agora queda un goberno en minoría de tres edís e unha oposición que suma outros dez.

Falamos con Paula Fernández para que nos avalíe a actual situación do goberno municipal e as posibilidades de futuro que lle vaticina. Sobre os problemas no seo do grupo de goberno, asegura que esta era unha decisión que tiña que tomar "retireille a confianza a Lázara porque a situación era xa insostíbel", explica. "Como cabeza visíbel do municipio non podía permitir os comentarios que fixo públicos en prensa nos pasados días", asegura en referencia ás negociacións que, ao parecer, o propio Lázara fixo ás súas costas co grupo de non adscritos. Entende que a crise actual obedece a unha loita polo poder, que terían protagonizado Xerardo Lázara e Xabier Cuíña. "Tiñamos un proxecto moi ilusionante, pero a loita entre eles fixo que esquecesen quen era a alcaldesa; Xerardo tentou apartar a Xabier e conseguiuno; mentres, eu reaccionei tarde, cando me dei conta do que había xa non tiña marxe de movementos; para eles non era máis que unha princesa, pero agora convertinme en ra".

Con todo, Paula Fernández confía en continuar no seu cargo: "eu estou aquí porque me escolleron os silledenses e se me teño que ir, pois recollerei as miñas cousas e marcharei, mais mentres aquí continuarei a traballar". "O que está claro é que eu non vou dimitir", di, "e non é máis probábel agora que antes que se produza unha moción de censura, porque se queremos ser exactos posibilidades hóuboas en case todo o que levamos de lexislatura, xa que levamos gobernando en minoría case todo o tempo". De certo, o PP xa podería ter seguido este procedemento, se quixer, e mesmo houbo comentarios neste sentido que, en todo momento, foron negados polo portavoz popular, Xosé Fernández Viéitez. "Non creo que se arrisquen agora a presentar unha moción", di Fernández, "porque lles podería pasar máis factura a eles que a min". Nesa liña, a alcaldesa pensa que o obxectivo é "afogala mediaticamente", "esgotarme electoralmente".

Láncara: o alcalde que non quere dimitir
Outro goberno en crise é o de Láncara (Lugo), onde a coalición entre PSdeG e Terra Galega deu a alcaldía ao socialista Darío Piñeiro. O pacto contemplaba que, unha vez superado o ecuador do mandato, o rexedor dimitiría e cedería a súa praza a un dos edís de Terra Galega. Ao parecer, unha vez chegado ese momento, Piñeiro non estaría agora disposto a deixar o cargo.

Cun goberno con 11 edís, o PP e o PSdeG contan con catro cada un; Terra Galega conta con outros dous e o BNG con un. Así as cousas, ábrese a porta a unha posíbel moción de censura que poderían forzar os de TEGA ou o propio PP. Ao parecer, esta posibilidade xa fora proposta polos populares ao tenente alcalde, Ricardo Núñez (TEGA) quen, non obstante, declinara a oferta ante o pacto que mantiña co PSdeG. Con todo, agora a situación mudou, ao seren os socialistas os que parece que non están dispostos a cumprir o conveniado.

Queda agora por ver como se suceden os acontecementos: será o actual alcalde, o socialista Darío Piñeiro, o responsábel do seguinte paso. Así, ábrense tres diferentes vías para o futuro municipal de Láncara: que dimita tal e como se comprometera, co cal sería Terra Galega quen ostentaría a alcaldía; ou que opte por manterse como rexedor, co cal é previsíbel que se presente algunha moción de censura.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández (PSdeG) anunciando que aparta do goberno a Xerardo Lázara
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández (PSdeG) anunciando que aparta do goberno a Xerardo Lázara
Darío Piñeiro (segundo pola esquerda), do PSdeG, comprometérase a deixar a alcaldía ao pasar dous anos
Darío Piñeiro (segundo pola esquerda), do PSdeG, comprometérase a deixar a alcaldía ao pasar dous anos