A Policía Nacional puxo en marcha un dispositivo especial arrredor do festival "Finisterrac". O día anterior haberá unha concentración antifascista.
Un concerto de corte neonazi anunciado para o sábado no polígono coruñés de Agrela fixo soar as alarmas da Policía Nacional. O corpo policial preparou un dispositivo especial para evitar incidentes durante o evento, que consideran "clandestino" por descoñeceren a súa hora exacta. Aínda así, desconfía de que se trate dun "bulo da internet".
Ao acto, anunciado en diversos blogs do movemento neonazi galego, só se pode asistir mediante inscrición previa por correo electrónico. Titulado "Festival Finisterrac, Europa das pátrias", contará coas actuacións do grupo galego OrigeNS e do bretón Bretonische Waffenverband, ambos enmarcados no movemento do RAC (Rock contra o comunismo), relacionado con letras que incitan ao odio racial e á violencia.
Para amosar a repulsa contra este tipo de actos "que fomentan o racismo e a xenofobia" tamén se convocou unha concentración antifascista o día anterior ao concerto, o venres 11 ás 17 horas na praza de María Pita.