Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Cartafol

Xestionado por Héitor Mera
RSS de Cartafol
Jaureguízar: A Cova das Vacas Mortas

Nazis e okupas nas montañas luguesas

A Cova das Vacas Mortas
Jaureguízar
Xerais, Vigo, 2006, páxs 129, 9,40 €

A novela curta que agora comentamos é a gañadora do Premio Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2006 e constitúe unha boa mostra da vizosidade da literatura galega para rapaces. Por outra banda, como acontece con outras obras da chamada literatura xuvenil, este relato non se debe circunscribir ao ámbito dos lectores máis novos, senón que proporciona entretemento, formación e pracer a calquera lector, teña a idade que teña.

- 07:20 21/11/2006
Tags:

O protagonista da novela é un rapaz de dezaseis anos, de pais alemáns, que vive nunha aldea abandonada polos seus primitivos habitantes tras a construción dun encoro. Alá polos setenta chegou á aldea abandonada de Foxo, en Negueira de Muñiz, un grupo de okupas alemáns para fundar unha especie de comuna por aquelas terras. Xoel, o protagonista, é fillo dunha parella destes okupas. A vida máis ou menos tranquila de Xoel vese alterada pola chegada dun misterioso ancián, doente do mal de Alzheimer, que un día calquera arribou da Alemaña. O misterioso vello é o avó de Xoel.
Xoel, e o lector, pensan que o ancián é un modesto xubilado que perdeu a memoria e que fantasía dicindo que rodou películas, cando na realidade só debeu ser un acomodador de cine. Mais, a sorpresa xorde cando, segundo avanza a novela, descubrimos que o vello enfermo de Alzheimer foi realmente nos tempos do nazismo un axudante da cineasta Leni Riefenstahl.
No remate da novela sabemos que non foi accidental a chegada a Foxo, en Negueira de Muñiz, dos okupas alemáns e que tampouco o avó de Xoel viña desencamiñado cara a esta aldea perdida. Aconteceu e acontece algo na zona de Negueira relacionado co nazismo que, se non é verdade histórica, ben o podía ser, como doadamente advertirán os lectores dese extraordinario libro de historia que se publicou hai pouco sobre a actividade dos nazis en Galicia, Galicia en guerra, de Eduardo Rolland.
A novela, coma quen non quere a cousa, suscita problemas éticos, que non adoita resolver, moi acertadamente. Así, a nai de Xoel e os okupas son uns verdadeiros opoñentes do sistema ou uns simples nugalláns? É sincero o obreiro amigo de Xoel que tanto fala contra o capitalismo, mais que non dubida en traballar para unha empresa que desaloxa os okupas? Hai que esquecer o pasado nazi do pobre avó con Alzheimer ou debe ser castigado? Por outra banda, Leni e o avó, colaboraban co nazismo ou simplemente facían o seu traballo? Xoel decidirá por el ante estas preguntas. Pode acertar ou non. O lector pode estar de acordo ou non. Se este libro se emprega como lectura nos institutos, estes temas poden suscitar debates orais que non deixarán de ser interesantes.
Atractivo resulta así mesmo o contraste entre o que opina Xoel da vida na natureza, sen luz eléctrica nin ningún tipo de adianto, e o que cre a rapaza chegada da Coruña, Iria. Non menos importantes son os valores que vai descubrindo Xoel e que o fan madurar: descobre o sexo e o amor con Iria, sabe o que é a amizade e a solidariedade pola súa relación co obreiro Guillerme, coida o avó a partir da compaixón que lle produce o abandono do ancián, non aproba a forma de vida da nai mais quérea porque é súa nai, sofre o desengano cando ve que o profesor Robles só é un aproveitado... Realmente Xoel madura e decátase de que no mundo non existen verdades absolutas, que Iria parecía unha progre parviña mais é unha rapaza solidaria ou que a nai, aínda que sexa unha irresponsable que cultiva marihuana ás agachadas e ata trafique con ela, ten un corazón de ouro.
A única eiva que ten esta novela para nós é que se estende de máis na análise da obra de Leni Riefenstahl. Ás veces nestas páxinas parece máis unha enciclopedia ca unha novela, pero non hai nada perfecto nesta vida. Por outra banda, cumpriría nunha novela dirixida a un público en idade escolar algo máis de coidado nalgúns aspectos lingüísticos. O verbo quecer non é pronominal nin transitivo, como adoito aparece na novela. Abondar non é sinónimo de abundar (páx. 14), un esqueiro (páx. 71) non é un acendedor e os filmes non se roldan (páx. 82) senón que se rodan; coma non se usa como modal (Riefenstahl filmou coma reporteira en varias frontes –páx. 84); abúsase do posesivo por unha posible influencia do inglés, cando abondaría co artigo para expresar a posesión nos casos da chamada posesión inalienable; cumpriría ser máis coidadoso co xerundio, pois ata algún xerundio hai especificativo ou que suscita a ambigüidade; non faltan erros morfolóxicos como anfitriona (páx. 110) ou queiro (por quero, páx. 63). Así mesmo cumpriría evitar o emprego de castelanismos léxicos, que a diario se corrixen nas aulas como cauce fluvial, gafas, percheiro, asignatura, en torno, cercano, empuxe, Olimpiada, tabletas de chocolate, sorrinte...
Malia estas pequenas tachas, estamos sen dúbida ningunha ante unha obra que terá moito éxito entre o alumnado dos nosos institutos e abofé que o merece. Por iso, viríalle ben en futuras edicións corrixir estas tachas lingüísticas, máxime cando no ensino o profesorado anda sempre á procura dun galego identificado e descastelanizado.

mércao en Andel


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: