Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fala de "crecemento desmedido do gasto"

O xerente do Consorcio di que lle deixaron un déficit de 4 millóns

A Xunta anuncia así unha auditoría sobre o organismo de paso que xustifica o adiamento na apertura de 40 escolas infantís.

Redacción - 18:00 28/08/2009

"O Consorcio deu pasos moito máis longos do que lle daban as pernas, o que supuxo un incremento exponencial do gasto corrente", expuxo esta sexta feira Roberto Rodríguez, o actual xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Asegurou Rodríguez que o organismo "arrastra un déficit de perto de catro millóns de euros" só no capítulo de investimentos das escolas infantís. Unha situación que o novo equipo lle atribúe a un "crecemento desmedido" no apartado de gastos correntes do goberno anterior. O xerente falou tamén de "falta de rigor" na xestión do bipartito, asegurando que "houbo unha ausencia de programa contábel dunha intervención externa e tampouco existe a día de hoxe un inventario de bens".

Asegurou Roberto Rodríguez que a Xunta está axilizando "o máximo posíbel" os trámites e liberando créditos "dentro das nosas posibilidades para desbloquear o que estaba parado". De paso, negou que 40 escolas estivesen listas para empezar a funcionar neste curso, tal e como denunciara o BNG esta semana. "Non existe reserva orzamentaria para ningunha delas, e esa cantidade non se improvisa", xustificou. Explicou o xerente do Consorcio que o equipamento destes centros implicaría un gasto de 2 millóns de euros e dixo que cando chegou ao cargo "existía unha partida de apenas 250.000 euros". "Só para necesidades urxentes como son reformas e dotación de equipamentos necesítanse 750 mil euros, tres veces máis", queixouse. Ao fío, comentou que 30 destes 40 centros "non constan no Consorcio". "Non aparece nin no informe da memoria do traspaso de poderes", dixo, "e as outras dez corresponden en sete casos a nova construción por parte do Consorcio e outras tres polas administracións locais".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: