Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Campaña anti-incendios

"Ocultismo e descoordinación" cos lumes, di o PSdeG, "recorden o verán de 2006", retruca o PPdeG

A oposición ve un dispositivo "insuficiente" e mal coordinado. O PP denuncia "cinismo" e recorda os mortos na vaga de lumes de 2006.

Redacción - 18:15 17/08/2009
Sonia Verdes, voceira en materia de Agricultura do PSdeG

Sonia Verdes, voceira en materia de Agricultura do PSdeG

A paralización dos convenios que a Consellaría de Medio Rural viña asinando cos concellos do país para o despregue de traballos de prevención nos núcleos periurbanos foi argumento este luns do grupo parlamentario do PSdeG contra a actuación da Xunta neste eido. Queixouse Sonia Verdes, voceira dos socialistas en materia de Agro e Medio Rural, do freo ás iniciativas "imprescindíbeis", subliñou, para garantir a seguridade fronte aos lumes nos núcleos rurais.

A deputada socialista cualificou de "nefasta" a política despregada polo PP desde o seu desembarco na Xunta. Na súa opinión, a estratexia do equipo do PpdeG caracterízase pola "parálise, desprofesionalización e desmantelamento" do dispositivo deixado polo anterior equipo da consellaría de Medio Rural. "Unha política que non garante a defensa do monte fronte os lumes, no caso de que debido as altas temperaturas e ventos favorábeis poidan declararse simultaneamente varios incendios que se poden tornar incontrolables ante a falta de medios", advertiu a voceira do grupo parlamentario do PsdeG.

Na opinión dos socialistas, o PP adoptou desde a chegada ao Goberno unha actitude "temeraria e irresponsábel" co despregue do dispositivo anti-incendios. Advirten desde o PSOE de que unha situación de risco por aumento de temperaturas poñería de manifesto a "insuficiente e descoordinada" dotación de recursos humanos. "Contratacións a última hora e en contagotas", denuncian, acusando o subdirector de Defensa Contra Incendios Forestais de tomar vacacións "en plena campaña contra os lumes". "Un dispositivo que tampouco en canto a medios técnicos non garante a efectividade do operativo, que sumado a paralización das medidas preventivas e dunha política forestal por parte da consellaría non contribúe a conservación do monte e fai que se poida converterse nunha auténtica polvoreira de lumes incontrolábeis", avisan os socialistas.

"Os galegos estiveron abandondas até o de agora", di o PPdeG
"Falan de transparencia os reis do ocultismo e da manipulación", retrucaba este mesmo luns o voceiro do PpdeG, Antonio Rodríguez Miranda. "Se lles quedara algo de vergoña e de dignidade, os socialistas farían mellor en non falar de incendios forestais despois da súa desastrosa xestión e da súa complicidade para dar carpetazo á traxedia de 2006 cunha comisión pantasma cuxas conclusións, liberando de toda responsabilidade á Xunta, estaban redactadas antes da primeira reunión", acusan.

Ao fío das críticas, o representante do PP acusou os socialistas de seren "cómplices" do que cualificou de "nula xestión" da consellaría dirixida no seu momento polo BNG. "Non foron quen de atallar a vaga de lumes cunha boa coordinación de medios, de forma que tiveron que ser en moitos casos os cidadáns os que loitaran contra as lapas, algo que non se vira nunca", afirman desde o PP, asegurando que os cidadáns estiveron "abandonados ante aquela catástrofe". "Foron cómplices en 2006 do maior desastre ecolóxico que sufriu a nosa comunidade en moitos anos e que supuxo ademais unha traxedia social de enormes proporcións, con vítimas mortais, zonas desaloxadas e unha situación de alarma sen precedentes pola nula xestión dos responsables da loita contra incendios naquel momento", acusan os populares.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: