Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN SADA, ESTA FIN DE SEMANA

Na III edición do Sadautor: moito máis que un cantante e a súa guitarra

A única mostra de cantautores de Galiza chega ao seu terceiro ano coa participación de artistas consolidados e novas promesas.

Redacción - 10:00 08/08/2009
Paris Joel é o organizador deste evento, que chega a súa terceira edición

Paris Joel é o organizador deste evento, que chega a súa terceira edición

Logo de tres anos de éxito, o Sadautor é xa unha mostra de cantautores consolidada. A praia de Sada, na zona do Curruncho, acollerá este sábado un macro concerto de artistas galegos que queren amosar o mellor do seu repertorio, unha música que ten en común a poesía das súas letras e o comprometido dos seus contidos. Para este ano o cartel está conformado por Félix Arias, Xurxo Mares, César de Centi, Paris Joel, Juan Aparicio e Pedro Alisedo.

Segundo nos explica o organizador do envento, Paris Joel, o obxectivo é "chegar a canta máis xente mellor", para "rachar coas etiquetas e coa idea de que un cantautor é só un home pegado a unha guitarra". Pola contra, o concerto, que é de balde, ofrecerá un espectáculo "diferente e diverso", que promete moitas sorpresas. Entre os participantes atopamos artistas máis consolidados, como Xurxo Mares (da época de Benedicto e Bibiano) ou Félix Arias (que colabora no último disco de Deluxe), e outros máis descoñecidos, que están chamados a renovar o panorama musical da música de autor en Galiza.

Cantautores galegos
Sobre a actual situación do fenómeno cantautor en Galiza preguntámoslle a Paris Joel. "Á música de autor pásalle aquí como ao idioma galego", explica, "estamos superando unha especie de séculos escuros". Logo do éxito de propostas como as de Voces Ceibes ou Suso Vaamonde, a música de autor quedou relegada a ámbitos moito máis limitados. "Non interesou tanto que ninguén criticase este negocio da democracia".

Porén, este estilo musical está a experimentar nos últimos tempos un novo tirón: a renovación vén da man dos máis novos, que triunfan a nivel estatal. Tal foi o caso do triunfo de Emilio Rúa en Elche, un certame que lle recoñeceu a calidade das súas composicións cantadas en galego; ou o do ferrolán Andrés Suárez en Murcia, hoxe unha das figuras emerxentes máis consolidadas no panorama da música de autor estatal.

Para os cantautores, explica Joel, "en Galiza pásanos como con todo: temos o síndrome do caracol, é dicir, chegamos máis tarde a todo; a bonanza económica, a crise, o estatuto, o AVE... Como non ía pasar co éxito da canción de autor?" pregunta con sorna mentres nos convida ao certame de Sada. Para os que queiran achegarse a unha mostra do que neste estilo musical se está a facer no país, xa sabedes, esta fin de semana, na zona do Curruncho, ás oito da noite e de balde.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: