Paris Joel reúne nove artistas nun concerto que servirá, asemade, de reunión entre un grupo de amigos.
O cantautor sadense Paris Joel
O venres 31 xuntaranse en Sada nove cantautores para participaren no Sadautor 2007, un encontro que terá unha parte musical e outra propiamente festiva. A idea partiu do músico sadense Paris Joel, como un xeito de argallar unha reunión entre profesionais que, normalmente, andan espallados. “Trátase de facer unha festa entre todos”, explicou o cantautor.
Así, a partir das nove da noite actuarán na praia de Sada Carlos Bau, César de Centi, Paris Joel, Jeaninne Belgrave, David Taboada, Pablo Rubén Fernández, José Luis Paz, Danieme e Ángel Sandoval. É o primeiro encontro deste tipo que se organiza en Galiza e, de feito, case todos os participantes son do país, agás a francesa Jeaninne Belgrave.
Segundo explicou Paris Joel, todos teñen en común ligazóns de amizade e, ademais de tocaren, terán despois un encontro en que falarán entre eles e farán balance de todo o ano. Pero, sobre todo, será unha festa á que está convidado todo o mundo.