Vázquez reitera que os resultados se coñecerán en breve e a Mesa pregunta porque negara anteriormente a contratación.
Xesús Vázquez adiantou que nesta ou na vindeira semana daranse a coñecer os resultados
"Entre esta e a vindeira semana" daranse a coñecer os resultados da consulta aos pais sobre o uso do galego nas aulas. Así o asegurou este luns o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, quen adiantou que, nese momento, ademais dos resultados ofrecerase información sobre toda a documentación e "todo o que está relacionado coa enquisa".
Vázquez xustificou a tardanza de cinco semanas en dar a coñecer o desenlace da enquisa nas máis de 190 mil valoracións recibidas. Ademais, adiantou que, persoalmente, non conta con ningún dato sobre os resultados, xa que "o que se fixo até o de agora foi pasar as consultas polo lector óptico e todo o programa está preparado para que ninguén coñeza até o final o resultado, salvo a empresa que trata os datos".
Empresa contratada
Precisamente sobre a alusión a esta contratación xa se pronunciou a Mesa pola Normalización Lingüística. Segundo explican, logo de que a pasada semana este colectivo advertise de que Educación contratara "a última hora os servizos dunha compañía para recontar e presentar os datos sobre a consulta" e que os resultados tardaban porque "se estaban a cociñar", a Xunta negou tal contratación e afirmou en varias ocasións que era "persoal da propia administración o encargado deste longo e escuro escrutinio".
Agora que o propio conselleiro recoñeceu a contratación da devandita empresa, a Mesa lamenta "tanta fraude e tanta falsidade" e subliña que "os gobernantes serios non menten". Carlos Callón pregúntase "por que a Xunta de Núñez Feijoo tiña vergoña de recoñecer que solicitaron os servizos desta empresa, chegando mesmo ao punto de negalo" e exixe saber "por que e para que se fixo e canto nos custa aos contribuíntes".