Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
LOGO DA PROHIBICIÓN DE ACTOS INFORMATIVOS

A CIG acode aos tribunais contra a consulta sobre a lingua

Presentou unha demanda de tutela de dereitos fundamentais perante o TSXG, e outra denuncia ante a Axencia de Protección de Datos.

Redacción - 14:15 15/06/2009
O Conselleiro, Xesús Vázquez, na presentación da enquisa

O Conselleiro, Xesús Vázquez, na presentación da enquisa

Logo dos últimos acontecementos no proceso de consulta aos pais sobre a lingua vehicular do ensino nas aulas, a CIG puxo a andar toda a súa maquinaria xurídica. Antes de que se faga efectiva esta mesma semana, o sindicato presentou dous recursos ante diferentes entidades.

Censura previa
Dunha banda, a central sindical presentou unha demanda de tutela de dereitos fundamentais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), entendendo que a Consellaría de Educación conculcou catro deles: o de expresión e información, o de reunión, o de asociación e o sindical. Esta denuncia xorde logo de que a Xunta prohibise calquera acto informativo sobre a enquisa, cunha circular distribuída aos centros a través de correo electrónico que, tal e como adiantaba Vieiros, rezaba así: "“Aproveito para lembrarlle que a Dirección do centro é a responsábel do normal desenvolvemento do proceso de realización da consulta e en consecuencia deberá prohibir todas as accións ou actos, tanto a favor como en contra do mesmo, mantendo informada en todo momento á Inspección Educativa”.

Para o sindicato, este é un caso de censura previa, xa que "se está a coaccionar directamente aos membros da comunidade informativa a ofrecer información ou opinar sobre a enquisa, un dereito que recoñece a propia Constitución". Ademais, denuncian que, ao día seguinte deste comunicado, no que non constaba o órgano que o transmitía nin estaba asinado, apareceron anuncios en prensa da propia Consellaría de Educación nos que animaba a participar no proceso de consulta e nos que se informaba sobre o seu desenvolvemento.

O obxectivo con esta denuncia é que o TSXG se pronuncie cautelarmente, de aí o procedemento de urxencia empregado pola CIG, e permita así a celebración de cantas citas informativas consideren oportunas os sindicatos e traballadores do ensino. Non pretende, logo, a suspensión da propia consulta, para o que o sindicato xa empregou outras vías, como a presentación dun recurso administrativo, denunciando que a consulta vulnera a Lei de Procedemento Administrativo.

Protección de datos
Doutra banda, a central sindical presentou outra denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), ante a crenza de que este procedemento vulnera a Lei Orgánica que regula este dereito. Segundo explican, Educación deu instrucións ao profesorado no pasado mes de abril para renovar o listado de alumnos co que conta a Consellaría. Agora, este ficheiro será o empregado para o remite das enquisas aos centros.

Dende a CIG piden que se abra un expediente sancionador contra a propia Administración pola utilización destes datos nun proceso deste tipo, ao tempo que reclaman que se impida o emprego deses ficheiros ante a sensibilidade da información que conteñen, xa que se refiren a menores.

Chamada a boicotear activamente a consulta sobre a lingua
Finalmente, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, fixo un chamamento aos pais para que "boicoteen activamente a consulta". "A mellor maneira de deslexitimar este proceso é marcar galego para todo", dixo ao tempo que recomendou que no apartado de suxestións se faga constar unha opinión discordante coa inexistencia dunha opción que contemple a posibilidade de que o alumno se eduque exclusivamente en galego, así como o desexo é que se aplique o decreto actualmente en vigor.

No referente ao posicionamento do sindicato, Louzao adiantou os acordos tomados na última asemblea de equipos directivos e profesorado: decidiron continuar coa resolución dos claustros; manter informados a nais e pais; non amedrentarse na defensa da liberdade de cátedra; facer constar o rexeitamento co proceso; e estudar todos os posíbeis actos de protesta no día no que se entreguen os enquéritos.

Unión sindical
Tamén este luns, os sindicatos con presenza no eido educativo mantiveron unha xuntanza co PSdeG para valorar conxuntamente a consulta. Ao remate da reunión, o responsábel do STEG, Xosé Cabido, adiantaba que o seu sindicato tamén levará aos xulgados o correo electrónico, sen asinar, no que Educación prohibiu os actos informativos sobre a enquisa. Denunciou así "o uso partidista de fondos públicos" para defender os portulados "dun grupo minoritario que fixo moito ruído mediático".

A unión sindical, neste sentido, foi total. O rexeitamento ao proceso foi unánime, de xeito que a secretaria xeral da Comisión de Ensino de CCOO, Machús Fernández, tamén lamentou esta "situación de enfrontamento lingüístico" e rexeitou a enquisa. Na mesma liña se manifestou o responsábel de Ensino Público de UXT, Raúl Gómez, quen amosou o seu "apoio decidido" ao decreto vixente; ou o presidente da Asociación de Profesores Estatais (ANPE), Xulio Díaz, quen reclamou a todos os partidos que "rebaixen a crispación" en materia de lingua.


Ligazóns

5/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: