Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Deseñará unha lei ao respecto

A Xunta prepara un canon para os parques eólicos

O presidente non confirmou se lle afectará aos muíños xa instalados. Tampouco aclarou se substituiría a participación pública ou os plans industriais.

Redacción - 17:15 23/07/2009
Tags: canon eólico

"Os parques eólicos que se instalen en Galiza teñen que pagar impostos", respondeu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, confirmando a intención do Goberno de esixirlles "por lei" ás empresas adxudicatarias de parques eólicos o pagamento dun tributo que compense o seu "impacto paisaxístico". Asegurou Núñez Feijoo que "unha porcentaxe", non concretada, dos ingresos derivados, repercutiría na dinamización dos concellos afectados polos muíños.

O presidente confirmaba así o avance ceibado por un xornal coruñés esta mesma quinta feira, acerca da posíbel introdución desta taxa. De xeito concreto, Feijoo revelou que este tributo chegará con rango de lei. "Non vale un decreto", xustificou, malia non aclarar se isto implicará a propia derrogación do decreto eólico aprobado na lexislatura anterior. "Sométome ao ditame da asesoría xurídica", sentenciou. En todo caso, admitiu que froito dese informe o seu equipo ten a intención de sacar á luz en poucas semanas "unha nova proposta política" para o sector eólico.

Entre as incertezas pendentes de aclarar están xa que logo as relativas á forma en que o devandito imposto lle afectará aos parques adxudicados e aos xa existentes. "Non sei se pode ter carácter retroactivo", dixo Feijoo. Tampouco queda claro se isto implicará que a Xunta deixaría de esixirlles ás empresas adxudicatarias o despregue de plans industriais ou mesmo se renunciaría ás marxes de participación pública definidas polo bipartito e duramente combatidas pola patronal eólica no seu momento. "Permítanme que avalíe o informe pechado e que non exerza hoxe de licenciado en Dereito", finalizou diante da insistencia dos medios no tema.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: