Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Toma de posesión

O conselleiro de Economía confirma a revisión do plan eólico entre as súas prioridades

Xavier Guerra subliña a intención de desenvolver en cen días un plan de choque fronte á crise.

Redacción / Europa Press - 15:30 20/04/2009
Xavier Guerra, con Núñez Feijoo, durante a súa toma de posesión (clic para ampliar)

Xavier Guerra, con Núñez Feijoo, durante a súa toma de posesión (clic para ampliar)

O conselleiro de Economía e Industria, Xavier Guerra, garantiu este luns que a Xunta elaborará un "plan de choque" económico antes de cen días e adiantou que o presentará "en breve". Así mesmo, asegurou que se pon "a disposición de todos os galegos", e prometeu traballar "con toda a honestidade e humildade do mundo".

En declaracións aos medios tras o acto de traspaso de competencias por parte dos seus predecesores, Fernando Blanco (Industria) e Xosé Ramón Fernández Antonio (Economía), o novo conselleiro considerou que son "especulacións puramente" as posibilidades de que o Igape xestione máis axudas e aclarou que definir a estrutura financeira deste organismo é "demasiado atrevido neste momento". Defendeu a integración neste departamento do Igape porque "a unión con industria ten sentido" para dotar de "parte económica" á política industrial. "Neste momento necesitamos máis que nunca pór toda a carne no asador", apuntou e, para iso, engadiu que confía nese instituto.

Guerra identificou como prioridades a redución dos gastos e a reedición do plan eólico. A este respecto, indicou que hai que consideralo e "pensar" como reorientalo, porque é "un dos temas importantes". O titular de Economía sinalou que neste "momento complicado" intentará realizar "o mellor posíbel" para as empresas e os traballadores galegos, e manifestou o seu "compromiso persoal" de facer o que estea na man da administración para "mellorar o nivel de vida". "É momento de dificultades, pero tamén de oportunidades", recalcou.

Guerra tamén tivo palabras de agradecemento aos seus predecesores e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ao que lle manifestou a súa intención de "non defraudar". "Nin a el, nin aos galegos que nos votaron, nin aos que non nos votaron", engadiu.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: