O PSdeG exixe a comparecencia parlamentaria do conselleiro da Presidencia para aclarar a presenza do designado nunha "lista negra" internacional.
A secretaria de Emigración do PSdeG, Laura Seara, pediu este martes a comparecencia no Parlamento do conselleiro da Presidencia, Afonso Rueda, pola presenza do novo delegado da Xunta en Uruguai, Manuel Barros, en "listas negras" internacionais de pesca ilegal, tal e como denunciou este xornal a semana pasada.
Seara sinalou que Rueda "debe comparecer e aclarar se realmente o delegado que nomeou a Xunta fixo prácticas ilegais e a súa relación cun buque que foi apresado por pescar sen o correspondente permiso". Así mesmo, instouno a dar explicacións sobre as vinculacións con outros buques sospeitosos.
"É unha absoluta falla de respecto aos emigrantes" que por unha banda "desmantelen as sedes das delegacións da Xunta e as trasladen aos centros galegos dirixidos por militantes do PP", e por outra "designen unha persoa como delegado que figura nunha lista negra internacional por pesca ilegal", sinalou a socialista.
"Devolvendo favores" e "premiando amigos"
Para a secretaria de Emigración do PSdeG, isto "demostra" cal é o criterio que segue o PP á hora de designar aos delegados, "premiando os seus amigos" e "devolvendo favores", en troques de "ter en conta a súa profesionalidade".
Neste senso, sinalou que hai "unha amizade máis que contrastada" entre o presidente do Goberno , Alberto Núñez Feijóo, e Barros, polo que instou o PP a aclarar os criterios da súa designación "se foi por amizade, negocios ou o polo seu coñecemento da emigración e da xestión pública".