Manuel Barros foi ex presidente do PP uruguaio e candidato ao Parlamento nas pasadas eleccións. O secretario de prensa dos 'populares' en Arxentina, Alexandro López Dobarro, designado para Bos Aires.
López Dobarro, na TV arxentina
O Consello da Xunta designou este venres o xornalista Alexandro López Dobarro e o empresario Manuel Barros Rivadulla novos delegados do Goberno en Bos Aires (Arxentina) e Montevideo (Uruguai), respectivamente.
López Dobarro, de 39 anos, ten nacionalidade arxentina e española, e é licenciado en xornalismo e comunicacións pola Universidade John F. Kennedy de Bos Aires, diplomado en estudos internacionais sobre a UE e máster en relacións internacionais polo. Nos últimos anos desempeñaba o cargo de secretario de prensa do PP na Arxentina.
Pola súa banda, Barros naceu en 1945 na Estrada, mais vive dende hai 30 anos en Uruguai. Primeiro oficial e capitán de buques de Pescanova, foi xerente da filial da compañía galega en Uruguai, Pesquerías Belnova SA.
A asociación ecoloxista Greenpeace mantén a Barros na súa lista negra IUU (Illegal, Unregulated and Unreported), unha base de datos onde quedan rexistradas as embarcacións ou as empresas que incumpren a lexislación en materia de pesca.
Ademais, foi presidente do Partido Popular de Uruguai durante a época do Goberno de Manuel Fraga. Tamén foi directivo do Centro Galego e do Club Español durante dez anos e do Hogar Español durante 15 anos. Tamén ía nas listas ao Parlamento nas pasadas eleccións, concretamente co número 22 pola provincia de Pontevedra.
Mudanza de sede en Bos Aires e novo cargo en Montevideo
O Consello da Xunta salienta que coa designación de delegados xa residentes en Arxentina e Uruguai se "aforran as compensacións por expatriación, que supoñían unha media do 75% adicional sobre as retribucións estabelecidas".
Ademais, expón que "o aforro nos salarios dos delegados se suma ao recorte de gastos derivado do cambio de situación da sede da delegación en Bos Aires", que din "vai repercutir nun aforro do 50% do que se viña gastando".
Por outra banda, a Delegación de Montevideo dotarase de persoal administrativo e crearase unha nova praza para coordinar e dinamizar proxectos en materia de xuventude, de asociacións, e doutros eidos.