Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CHEGARÁ AO PARLAMENTO EN OUTUBRO

A Consellaría do Mar devólvelle o seu poder ás confrarías

A nova Lei de Pesca tamén validará as licenzas para toda a vida útil da embarcación ou garantirá a titularidade das bateas aos seus concesionarios.

Redacción - 19:00 17/07/2009
As confrarías de pescadores recuperarán o seu rango legal como entidades colaboradoras coa Administración

As confrarías de pescadores recuperarán o seu rango legal como entidades colaboradoras coa Administración

Logo de anular a entrada en vigor da norma deseñada polo bipartito, a conselleira do Mar, Rosa Quintana presentou este venres o borrador da modificación da Lei de Pesca ao Consello Galego de Pesca (CGP), órgano asesor que terá que elaborar un ditame antes do 1 de setembro. A Xunta comprometeuse a levar o texto ao Parlamento para o seu debate en pleno no vindeiro período de sesións e Quintana asegurou que confía en ter entregado o borrador o 16 de outubro na Cámara.

Segundo explicou, o novo texto inclúe 82 modificacións sobre a lei presentada polo goberno anterior, "xa que as técnicas normativas limitaron o que se podía facer". Ademais, subliñou que a nova normativa busca "recuperar o consenso co sector pesqueiro", avanzar na súa profesionalización e darlle máis seguridade xurídica aos traballadores do mar.

As bateas, concesión para toda a vida
Entre as reformas introducidas, Quintana destacou a validación do permiso de explotación (permex) dos profesionais da flota de baixura durante toda a vida útil da embarcación. Iso sí, asegurou que esta duración dependerá de que se cumpran "os requisitos mínimos de seguridade e de flotabilidade".

No caso das bateas, tamén se introducen modificacións. Na norma elaborada polo bipartito contemplábase conceder estas explotacións marisqueiras mediante un concurso público e cun prazo de explotación de dez anos, prorrogables por outros dous períodos de igual duración. Agora, Quintana garantiu a permanencia da titularidade dos concesionarios, a condición de que "non incorran nos motivos de caducidade previstos na lei", tales como o mal uso do permiso da explotación.

As confrarías recuperan o seu rango
Doutra banda, na nova lexislación outórgase un maior protagonismo ás confrarías, dotadas de lei propia. Enmarcadas na Lei 9/1993 de Confrarías de Galiza até que se aprobara a normativa do bipartito (que unira cinco textos legais nun), agora recuperan o seu réxime xurídico, como entidades colaboradoras da Administración.

Deste xeito, a Xunta comprometeuse a "darlle unha maior seguridade xurídica" a todo o sector e eliminar "trámites burocráticos innecesarios: "bastante ten o sector con entender do seu, como para estar pendente de mover 50 papeis cunha única Administración", dixo Quintana.

Comité científico e Gardacostas
O novo texto tamén define aspectos como a transformación dos produtos pesqueiros e marisqueiros, a actividade acuícola ou o carácter público do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Sobre este último, a conselleiro dixo que "debe ter un funcionamento a través da súa propia lei para non ser un simple servizo da Xunta".

Ademais, crearase un comité científico, que suxira baixo criterios técnicos as decisións que deba tomas o departamento de mar: "cando un xestor ten que tomar unha determinación non só debe atender ás demandas do sector, senón que tamén debe ter un soporte científico", dixo Quintana.

Finalmente, o borrador tamén incide no Servizo de Gardacostas de Galiza, que asumirá ademais de labores de vixilancia e inspección, o traballo de control e loita contra a contaminación mariña.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A conselleira do Mar presentou o borrador ante o Consello Galego de Pesca
A conselleira do Mar presentou o borrador ante o Consello Galego de Pesca
Os armadores da flota de baixura disporán dos permisos de explotación durante toda a vida útil da embarcación
Os armadores da flota de baixura disporán dos permisos de explotación durante toda a vida útil da embarcación