Os nacionalistas subliñan que a posta en valor do monte é clave na loita contra os incendios. Medio Rural responde que aplica o sistema "herdado" do bipartito.
"En 30 anos demostrouse que a política forestal é o eixo principal para pórlle fin á lacra dos incendios forestais, porque o dispositivo de extinción, que hai que manter e reforzar, non é suficiente", explicou esta sexta feira en conferencia de prensa Tereixa Paz, voceira parlamentar do BNG nesta materia. Foi nese sentido que defendeu que o bipartito puxo en marcha na anterior lexislatura "as primeiras iniciativas da administración en trinta anos para solucionar os problemas do sector forestal".
De xeito concreto, a deputada ourensá referiuse á recente paralización das axudas para as Unidades de Xestión Forestal (Uxfor) e para a valorización e aproveitamento multifuncional do monte. En opinión de Tereixa Paz trátase de dous instrumentos clave para o ámbito forestal e que á vez serven, no plano das políticas anti-incendios, para "atacar o problema de raíz". Por esa razón, argumentou Paz que a supresión destes programas deteriora esa estratexia e á vez será "un pau moi importante" para moitas familias do rural. Recordou a deputada do Bloque que ao abeiro destas axudas financiáronse durante a anterior lexislatura até 800 proxectos, cun investimento de 14 millóns de euros. Cartos que, subliñou a voceira nacionalista, "permitiron mellorar o noso monte, crear empresas e postos de traballo no rural e á vez previr os incendios forestais".
O PP di que apenas mudou o herdado
Ao asunto respondeu nesta mesma xornada a Consellaría de Medio Rural, retrucando que o sistema de prevención e extinción de incendios "foi herdado polo actual Goberno". Nun comunicado enviado aos medios, Medio Rural asegura que só se "adaptou e mellorou" o herdado "dentro das posibilidades orzamentarias e o tempo dispoñíbel, para acomodalo ás condicións actuais do monte".
A consellaría, que evitou entrar no debate sobre a influencia das políticas forestais globais na prevención de lumes, insiste así en que o operativo anti-incendios foi reforzado coa ampliación de 38 brigadas, a reorganización de 90 unidades de vixilancia e intervención, o incremento de 30 vixilantes fixos na provincia da Coruña e a apertura dunha nova base de helicópteros no municipio ourensán d'O Barco de Valdeorras. "Un incremento orzamentario global de 4 millóns de euros sobre o presuposto inicial", indican.