Os sindicatos sosteñen que, de se confirmar, a cadencia de produción aumentaría e daría lugar a novas contratacións.
O centro PSA Peugeot Citroën en Vigo anuncioulles esta cuarta feira aos sindicatos que prevé un aumento de produción dunhas 18 mil unidades para despois das vacacións de verán, o que permitiría alongar a quenda de noite do sistema un até finais de ano -o dous desapareceu hai meses.
A dirección da planta avanzou que este aumento de produción para os meses de agosto e setembro obrigaría a habilitar sábados de traballo, especialmente no que respecta ao sistema dous (que fabrica os monovolumes Picasso), ao carecer de quenda de noite.
Desta forma, o sistema dous traballaría dous sábados de agosto, os catro sábados de setembro e o primeiro de outubro -considerado o correspondente á quinta semana de setembro, mentres que o sistema un traballaría en setembro dous sábados e ampliaría até as 8.00 horas a quenda nocturna (de luns a venres).
A planta explicou tamén que a quenda de noite do sistema un -que fabrica as furgonetas Berlingo e Partner- alongaríase até final de ano, en troques de parar despois do verán como estaba previsto.
Posición dos sindicatos
Pola súa banda, os sindicatos explicaron que, de se consolidar a previsión, a fábrica recuperaría o seu teito máximo na cadencia de produción no sistema dous, o que faría necesario abrir "un proceso de contratación" dunha cantidade de persoal que aínda está por cuantificar.
A isto tamén habería que sumar o contido do acordo de baixas incentivadas asinado recentemente entre empresa e sindicatos (inclúe a garantía de creación de emprego estable).
Polo tanto, segundo as fontes sindicais, a previsión de produción para este ano ascendería a unhas 360 mil unidades, 60 mil máis das previstas pola factoría automobilística a principio de ano.
Nos últimos meses consolidáronse varios pedidos adicionais, froito da resposta do mercado ás axudas á compra de coches postas en marcha por diversos estados europeos, entre estes o español.