En virtude da resolución publicada este venres no DOG, os aspirantes poden escoller a lingua na que examinarse.
Os opositores acreditarán o seu coñecemento do galego co certificado Celga 4 ou similar
A decisión do goberno galego de eximir dunha proba obrigatoria en lingua galega para acceder a un posto de traballo na administración pública é xa unha realidade práctica. Este novo contexto é no que se examinan este sábado un total de 3.773 persoas que aspiran a facerse con unha das 1.002 prazas de persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde.
A resolución, que foi aprobada no Parlamento co único voto do Partido Popular, foi publicada no Diario Oficial de Galiza (DOG) deste venres e recolle a garantía "da liberdade de elección da lingua no segundo exercicio da fase de selección". Polo tanto, esta proba xa non deberá ser contestada exclusivamente en galego. Doutra banda, o texto garante que os aspirantes que acrediten posuír o certificado Celga 4 ou equivalente quedarán exentos de realizar o terceiro exercicio, un exame que acredita o coñecemento da nosa lingua.
Este exames forman parte do concurso oposición convocado para a categoría de facultativo especialista da área de diversas especialidades, como médico de urxencias, médico de familia de Atención Primaria, pediatra, farmacéutico, odontólogo e médico coordinador do 061.