Ao tempo, o Parlamento debate e vota a reforma da Lei de Función Pública que eximirá precisamente de facer un dos exames da oposición na nosa lingua.
Con maioría absoluta no Parlamento do Partido Popular, a reforma da Lei de Función Pública para eximir aos opositores de examinarse dunha proba de galego, é xa unha realidade. Esta modificación asúmese ademais polo trámite de urxencia e con carácter retroactivo para as oposicións que estean convocadas cando a reforma entre en vigor, co que os exames deste mes de xuño serán, con toda probabilidade, os últimos que no ámbito do ensino conten cunha proba na nosa lingua.
Esta mesma semana unhas seis mil persoas dispútanse 740 prazas de mestres de ensino público, é dicir, oito aspirantes por praza. A meirande parte dos exames celebraranse o venres, se ben 37 dos inscritos comezan xa este mércores ao non ter acreditado con antelación o seu dominio do galego (é dicir, un 0,6% dos que se presentan).
Concentración perante o Parlamento
Os sindicatos con presenza maioritaria no ensino en Galiza, a CIG, UXT e CCOO, concentráronse xa na primeira hora deste martes diante da cámara parlamentaria, na compostelá rúa do Hórreo. Canda eles, outros colectivos como a Mesa pola Normalización Lingüística, exixiron que o goberno retire a súa pretensión de eliminar a realización en galego dunha ou máis probas dos procesos selectivos á función pública, tal e como está regulamentado actualmente no artigo 35 da lei.
Entenden que esta reforma non ten máis obxecto que facilitar que poidan acceder a postos da administración galega persoas que descoñecen a nosa lingua, o que imposibilita que os administrados exerzan o seu dereito a ser atendidos nela. Ademais, din non entender por que o PP adopta esta medida, de xeito urxente, sen o mínimo consenso e de costas ás peticións sindicais, de non ser pola súa "obsesión por desterrar o galego da nosa vida pública".