Esta é unha das últimas fotografías que nos chegaron ao certame 'Unha imaxe para o galego'. Anímate e participa. Hai premio!
Continúan a chegar as propostas en forma de imaxe e de vídeos para a cuarta edición do concurso de Vieiros 'Unha imaxe para o galego'. Esta última achega preséntanola Ricardo Orxeira, quen apela á metáfora visual para facer unha defensa da loita a prol da lingua. "Grandes escuras forzas asexan", di o lema que acompaña á fotografía, "conciencia e vontade para vencer e perdurar. Fala galego. Move ficha".
O certame leva este ano o título de "O galego no espello", polo que agardamos que as imaxes, coma esta, nos propoñan como animar a usar a lingua, que afonden na construción do noso idioma ou que desvelen os múltiples significados que os galego acada en cada persoa.
Se queres participar aínda estás a tempo, porque o prazo de recepción estará aberto até o 30 de xuño. Os premios son unha cámara para a mellor fotografía e unha videocámara para o mellor vídeo. O xurado valorará especialmente a orixinalidade, así que gastade os miolos e presentade a vosa proposta.