Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRAZO ABERTO ATÉ O 30 DE XUÑO

Pon a funcionar a túa cámara e pregúntalle que opina da lingua

Continúan chegando traballos na segunda semana da nova edición do concurso de Vieiros, 'Unha imaxe para o galego'.

Redacción - 13:00 18/05/2009
Unha das imaxes recibidas na última semana

Unha das imaxes recibidas na última semana

Dende que o día 12 de maio se abriu o prazo para enviar as imaxes e os vídeos ao concurso Unha imaxe para o galego, xa comezaron a chegar fotografías para participar nel. Este ano o título do concurso é "O galego no espello" e como nas tres edicións anteriores, Vieiros anima aos participantes a coller as cámaras e deixar que o país fale con imaxes (paradas e en movemento) para que nos explique en que consiste a súa lingua. Os premios serán unha cámara fotográfica e outra de vídeo para os gañadores dos concursos de imaxe e vídeo, respectivamente.

Para participar téñense que achegar fotografías (non deseños nin ilustracións) e aceptaranse tamén aquelas que recibiran tratamento dixital sobre unha base propia. A orixinalidade será un valor primordial que se terá en conta, alén da estratexia de impacto á que cada quen queira acudir. Igual que outros anos, recoméndase evitar tópicos recorrentes como retratos de persoeiros, bandeiras, libros, letras ou imaxes de xornais impresos.

No que se refire ao vídeo limítase a duración máxima aos catro minutos, recomendando a faixa recollida entre un e dous minutos como un formato idóneo. A liberdade creativa é total, e só quedarán excluídas aquelas gravacións que constitúan unha ofensa a terceiras persoas.

O prazo para o envío de traballos está aberto até o 30 de xuño, e aqueles que pretendan participar poden atopar aquí as bases da nova edición de Unha imaxe para o galego.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: