Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PRIMEIRO BORRADOR DO DECRETO

Sociais en galego e Matemáticas en castelán, o resto á elección dos centros

Educación pretende que os consellos escolares de cada colexio escollan en votación a lingua vehicular da maior parte das materias.

R.Vilar - 17:45 01/06/2009

A Consellaría de Educación está xa a traballar no novo decreto de linguas para o ensino non universitario. Segundo puido saber Vieiros, a intención do Goberno é regulamentar a lingua de catro materias e deixar  “libre elección” para as restantes. Ciencias Sociais e Lingua serían impartidas en galego mentres que as aulas de Matemáticas e Lingua Castelá desenvolveríanse nestoutro idioma. A lingua vehicular do resto das materias vaina decidir o consello escolar de cada centro de ensino por votación. O Goberno ten previsto informar destas liñas mestras do decreto a sindicatos e partidos políticos nas vindeiras semanas.

Mentres, a Xunta xa ten preparado un cuestionario para enviarlle aos pais de 330 mil alumnos. Mediante esta sondaxe, a Consellaría de Educación quere ter unha base de datos coas preferencias para saber deste xeito cal vai ser o escenario que van atopar para a aplicación do novo decreto. O executivo mantén a intención de que a nova normativa entre en vigor no curso 2010/2011. En principio, a segregación de alumnos queda descartada no borrador que se está a redactar. A enquisa que se lle fai aos pais é meramente “consultiva” xa que a decisión última adoptaríana os centros educativos.

Vantaxe para o castelán?
Poucos dubidan que se se lle deixa a “libre elección” curricular aos centros o castelán vaia ser a lingua maioritaria nas aulas. A este respecto, hai que ter en conta que, ademais dos centros públicos, en Galiza un número notábel de rapaces cursan os seus estudos en colexios concertados. Unha proba disto é que nas sete principais cidades do país o número de alumnos en colexios concertados supera lixeiramente ao das escolas de titularidade pública.


2,51/5 (37 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



En foto de arquivo, Xesús Vázquez coa súa antecesora no cargo, Laura Sánchez Piñón
En foto de arquivo, Xesús Vázquez coa súa antecesora no cargo, Laura Sánchez Piñón
Os consellos escolares decidirían en que materia se impartirían a maior parte das materias
Os consellos escolares decidirían en que materia se impartirían a maior parte das materias