O conselleiro Xesús Vázquez reitera que a cidadanía xa falou nas urnas e que haberá un novo decreto para o ensino medio no curso 2010/2011.
Quen tiña que falar xa falou o pasado 1 de marzo. Esta é a teoría á que se aferra o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, cando se lle pregunta sobre o futuro da lingua galega no ensino. O decreto de galeguización aprobado polo bipartito vaise derrogar no curso 2010/11. Mentres tanto, o Goberno establece un prazo de sete meses (até final de ano) para tratar de chegar a un consenso político con socialistas e nacionalistas. Con moita expectación xornalística, o conselleiro compareceu acompañado do novo secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. Os dous tiveron que enfrontarse a unha choiva de preguntas sobre como e quen decidirá os currículos educativos dos estudantes do ensino non universitario.
Ningún dos dous deu claves relevantes de como será o novo decreto. Porén, Lorenzo insistiu en que o modelo buscará que os alumnos rematen os seus estudos tendo unha competencia lingüística plena de galego e castelán. Pola súa banda, o conselleiro reiterou que o Goberno aposta pola “liberdade lingüística” que conxugará coa “promoción do galego como parte dun patrimonio ao que ninguén está disposto a renunciar”. Vázquez considera que a sociedade en pleno ten que “falar” sobre o novo decreto “loxicamente, os pais van poder opinar”.
Lorenzo pide unha tregua de 100 días
O conselleiro recoñeceu que Anxo Lorenzo vai ser o encargardo de buscar un gran consenso arredor do novo decreto que prepara o PPdeG. Aínda que os dous trataron de non contradicirse en ningún momento, os xornalistas buscaron as fendas do dúo. Un primeiro intento foi cando lle preguntaron a Vázquez por unhas declaracións de Galicia Bilingüe moi críticas co novo secretario xeral. O conselleiro subliñou que non entraba a valorar “opinións democráticas”.
Lorenzo devolveulle a pelota ao conselleiro cando lle preguntaron pola masiva manifestación a prol do decreto que tivo lugar este domingo en Compostela. O secretario xeral dixo que prefería, tal e como fixera o conselleiro coas declaracións de Galicia Bilingüe, non valorar a manifestación. Porén, reiterou que toma nota porque “as críticas son un estímulo para facelo mellor”.
Finalmente, Lorenzo avogou por “arrefriar” a polémica política e social que rodea a lingua galega nos últimos meses. O secretario xeral pediu cen días de confianza para que se poidan ver os primeiros froitos do seu traballo e reiterou que quere un gran consenso arredor da lingua.
Vídeo 1: extracto da intervención de Xesús Vázquez
Vídeo 2: extracto da intervención de Anxo Lorenzo