Este domingo 31 de maio, en Conxo (Compostela), os palanadores e palanadoras fan o seu "ensaio nuclear", no segundo e histórico encontro dos e das mellores da tribo billardeira.
Markytos, da Conferencia NorLeste, sostendo o trofeo de campión absoluto de 2008
Así o contan dende a Liga Nacional de Billarda (LNB), "A Gran Muiñada fará saltar todos os medidores radioactivos e converterá este domingo 31 de maio a Compostela no Pyongyang galaico, pola espectacular condensación de protóns e neutróns Billardeiros", que se han xuntar no Campo de Fútbol de Conxo.
Será o segundo Play Off Nacional da LNB, que "fará saltar todas as alarmas no mundo occidental". En Conxo xuntaranse os palanadores e palanadoras clasificados nas tres Conferencias (NorLeste, NorOeste e Sur), e, sobre terra batida, enfrontaranse para coroarse como os mellores da competición xeral. O mesmo tentarán as franquicias -equipos- de cada conferencia. O domingo, Markytos (da Conferencia NorLeste) podería revalidar o seu título de campión nacional absoluto, pero para isto terá que pasear con bo pé nun territorio hostil, poboado por billardeiros e billardeiras das conferencias do Sur e do NorOeste.
Un ano máis, a LNB lembra o carácter autoxestionado desta competición, e agradécelle a súa colaboracións aos membros da Asociación de Xogos tradicionais de Compostela.
A idea é, e transmitímola directamente así a dixeron dende O Varal, a asociación promotora da LNB, que "este domingo 31 de maio todo o mundo vaia a Conxo, acender o o tractor estartelado da LNB para encher de zurro, purín e billardas o país enteiro!"
Os horarios do Gran Play Off de LNB