Esta fin de semana desenvólvese o Billarda All Stars en Ourense, do que sairán os mellores palanadores e palanadoras da Liga Nacional de Billarda.
En Vieiros estivemos, dende sempre, a carón da Liga Nacional de Billarda (LNB), dende que comezaron, aos poucos, informando os nosos lectores e lectoras dos encontros e xornadas de liga que se desenvolvían na conferencia primixenia, a NorLeste. Mais a LNB foi medrando que foi cousa de non parar, até que chegou unha segunda Conferencia, a NorOeste, e posteriormente unha terceira, a Sur.
Somos conscientes do difícil que resulta explicar o xeito de xogar dos palanadores e palanadoras de Galiza, polo que nos puxemos en contacto con Xosé Miguel, palanador do Sur, que nos explicou, no vídeo que poden ver a carón desta información, como funciona o sistema de competición nunha liga tan ampla. Explicalo tampouco é doado... O doado é chegar ao campo, e poñerse a darlle á billarda, pincha, estornela ou cachiza co palán, e metela no varado.
Isto é, ademais, o que van facer os palanadores do Sur este sábado en Salceda de Caselas, no penúltimo aberto da súa liga. E o domingo, comezará o...
Billarda All Stars Ourense 2009
Ourense e o país enteiro xa treme ante a tremenda turrada que vai supor esta nova edición do Billarda All Stars. Segundo contan dende O Varal, a asociación que promove a Liga Nacional de Billarda, de novo unha liña imaxinaria vai dividir de arriba a baixo o mapa do país. Para entendernos, os palandores da Conferencia NorLeste e os palanadores da Conferencia Sur (por Ourense), puntuarán para a Selección do Leste; mentres que os membros da NorOeste e da Conferencia Sur (por Pontevedra), puntuarán para a do Oeste.
O comezo do partido está marcado para o mediodía do domingo 8 de marzo. O Aberto do All Stars realizarase en dúas pistas, simultaneamente, e nunha terceira realizaranse, en paralelo ao partido, o concurso de triplas ou paláns e o concurso de mates. Ademais, ás 14:00 horas tocarán, en directo, os Skárnio, facéndollela sesión vermú máis amena aos palanadores e palanadoras.
Os xogadores loitarán pola Cachucha do All Stars Ourense'09, un espectacular e inaudito premio. Ademais, o campión de Mates levará unha bandexiña de uñas de porco e o campión de triplas unha bandexiña de rabos, porque como sabedes do porco aprovéitanse todo , até os andares.