Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO REXISTRO DA XUNTA

Máis de cinco milleiros de sinaturas demandan que se manteña o modelo do Consorcio

O conselleiro de Educación adiantou o propósito da Xunta de que este departamento asuma a xestión das galescolas, mais non concretou os termos.

Redacción - 12:50 19/05/2009

O futuro do Consorcio Galego Galego de Servizos de Igualdade e Benestar segue a ser unha pataca quente nas mans do goberno da Xunta. Até o momento e logo de manifestacións, xuntanzas e peches do persoal nada se ten decidido ao respecto. A última das accións promovidas pola CIG foi a entrega, este martes, de 5.536 sinaturas en San Caetano defendendo o carácter público do Consorcio, o mantemento dos postos de traballo e a realización inmediata das oposicións paralizadas como consecuencia dos comicios electorais.

Incerto futuro para un terzo do persoal
Na actualidade traballan no Consorcio 1230 traballadores, dos de 631 están empregados nas galescolas, 290 nos centros de día, 108 en oficinas de I+B, 17 en centros Quérote, nove en centros de emerxencia de mulleres vítimas da violencia de xénero e outros 55 son responsábeis de xestión. Actualmente, 335 prazas, é dicir, case un terzo do persoal, están sendo ocupadas por traballadores que aprobaron unha primeira oposición, polo que contan cun contrato por obra e servizo. Agora, están pendentes da nova convocatoria, aínda sen data, para converterse en persoal laboral fixo. Así as cousas, unha boa parte destes traballadores non saben que será do seu futuro máis alá de xullo, cando rematan en moitos casos estes contratos.

Ademais desta reivindicación laboral, o manifesto que este martes entregaron as presidentas dos comités provinciais, Laura Estévez Caride (A Coruña), Susana Sotelo López (Ourense), Paulina Otero Barcia (Pontevedra) e María Doris Cardoso (Lugo), tamén exixe o mantemento do actual modelo e rexeita unha posíbel privatización: "antes da existencia do Consorcio, Galiza estaba á cola do Estado en cobertura de servizo sociais (...) hoxe estamos dentro dos índices máis elevados", reza o manifesto, "do que se trata nesta materia é de sumar e mellorar o que hai e non desmantelar un organismo que integrou esforzos de todos os signos políticos e ámbitos de actuación".

A entrevista coa conselleira de Traballo non ten data
Unha vez coñecida a confección do novo goberno, os diferentes sindicatos solicitaron unha entrevista coa nova conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato, quen será a encargada de lidar con este tema. Dende a CIG confírmannos que esta cita aínda non ten data: "estamos á espera", di Anxo Louzao, "dinos que nos recibirá o antes posíbel e nós estámoslle a dar un prazo razoábel, porque non queremos xerar conflitos antes de tempo".

A que xa tivo lugar, foi a xuntanza co conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, con quen a CIG conversou sobre o futuro das galescolas. "Confirmounos que o ensino dos pequenos de 0 a 3 anos pasará a depender do seu departamento", di Louzao, "en principio nós non temos nada que obxectar, porque non estamos en contra do deseño do sistema, senón do servizo que se ofrece". Con todo, os termos exactos deste traspaso non están aínda definidos: "foi incapaz de adiantarnos máis nada, porque aínda o tiña sen mirar".


Ligazóns

4,33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: