Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Balance crítico de Adega

Catro anos de erros e desatención co Parque das Illas, quéixanse os ecoloxistas

Os ambientalistas consideran que é "o peor xestionado" de todo o Estado e esíxenlle á Xunta que convoque o Padroado para valorar a situación.

Redacción - 13:15 13/05/2009

Rematar coa xestión "pouco efectiva e opaca" do Parque das Illas Atlánticas é a reclamación exposta este mércores pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), que solicita a convocatoria urxente do Padroado do parque. Tal decisión correspóndelle á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente agora da Consellaría de Medio Rural.

Recordan os ecoloxistas que o Padroado non se reuniu desde xullo de 2005, malia o requirimento de que estas xuntanzas teñan lugar cando menos dúas veces ao ano, e cualifícano de chave para "garantir unha correcta xestión do espazo e a interlocución dos sectores sociais coa administración do Parque".

Regresión de especies e intervencións cuestionábeis
Entre as queixas concretas que achegan desde Adega está a relativa á reforma dunha vivenda privada na illa sur das Cíes, "probablemente ilegal" ou a cementación de camiños en Ons "pavimentados con materiais alóctonos e sobrantes de obras".

Tamén advirten de "graves erros no manexo de vexetación", e poñen de exemplo a remodelación e limpeza do contorno do faro das Cíes, que en 2005 "case acaba coa única poboación insular galega de herba da agulla (Erodium maritimum)", ou a recente eliminación de vexetación nunha comunidade botánica de alto valor tamén nas Cíes, principalmente de toxo costeiro (Ulex europaeus subsp. latebracteatus) e camariña (Corema album). As críticas abranguen tamén a cuberta de eucaliptos e acacias que, láianse os ecoloxistas, "lonxe de frearse e erradicarse, continúa a súa expansión como acontece con outras plantas invasoras". Doutra banda, avisan da redución á metade na poboación de corvo mariño ou da proliferación de especies invasoras como o visón americano.


Ligazóns

5/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: