Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Descríbena como “valedora dos transxénicos”

Os ecoloxistas denuncian que a ministra Espinosa está "nas catacumbas ambientais"

A titular de Medio Ambiente, Rural e Mariño do goberno español defendeu, no Senado, o cultivo de organismos modificados xeneticamente, argumentando a súa "necesidade".

Redacción - 13:00 29/04/2009
Fickr: elekesmagdi

Fickr: elekesmagdi

O BNG levou esta terza feira ao Senado o debate sobre o cultivo de transxénicos, ante o que se atopou cunha nova negativa da ministra de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, a ourensá Elena Espinosa. A iniciativa foi presentada polo senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza, que instaba ao goberno estatal a acollerse á Cláusula de Salvagarda europea, para prohibir este tipo de cultivos, igual que fixeron países como Francia, Italia, Austria ou Alemaña.

Porén, Espinosa fixo, segundo denuncian dende a asociación ecoloxista Adega, "unha acendida defensa dos cultivos de transxénicos", esgrimindo os argumentos de que os Organismos Modificados Xeneticamente (OXM) serven "para cubrir a demanda interna" de pensos para o gando e para a produción de insulina; alén de remarcar que a prohibición sería "contraria á normativa comunitaria".

Denuncian que a ministra Espinosa "séguelle o xogo a Monsanto, Syngenta, Pioneer ou Bayer"
Tras analizar as declaracións da ministra, dende Adega sinalan que a propia Espinosa está situada "nas catacumbas ambientais", indo "a contracorrente doutros países que xa prohibiron o cultivo do millo MON810, e esgrimindo "argumentos peregrinos e demagóxicos, mais propios dunha reportaxe publicitaria das transnacionais da biotecnoloxía".

Dende Adega lembran que o Estado Español é, de toda Europa, o que máis superficie cultivada de transxénicos posúe -tiña perto de 80 mil hectáreas en 2008-, e que realmente non hai necesidade de os cultivar para "cubrir a demanda interna de pensos", como dixo a ministra Espinosa, xa que, de seguir fornecendo o gando propio e o europeo de material xeneticamente modificado para o seu alimento, convertería o Estado nun "auténtico sumidoiro xenético". Nesta liña tamén critican a "ignorancia ou o interese de desinformar" de Salgado, ao recorrer ao argumento de que a maior parte das substancias transxénicas se empregan para elaborar medicamentos como a insulina", obviando o feito de que estes cultivos (alén do millo, o da pataca, a soia, a colza, os tomates e, proximamente, os eucaliptos) empobrecen os chans, contaminan outros cultivos e terminan coa biodiversidade "e a soberanía alimentar dos pobos". "isto é coma a enerxía nuclear, que pode ser boa na radioterapia, pero nefasta para producir enerxías ou as armas atómicas".

Sen saber aínda a localización exacta dos cultivos de OXM en Galiza
A seguir, os ecoloxistas tamén lembran que prohibir unilateralmente o cultivo de transxénicos "non é contrario á normativa comunitaria", xa que o Estado Español podería acollerse, segundo sinalan, "ao Principio de Precaución, que estabelece a normativa europea" neste eido, paso que xa deron países coma Francia, Italia, Austria ou Alemaña.

Adega, como organización membro da Plataforma Galega Antitransxénicos, volve lembrarlle a Espinosa que aínda non lles facilitou os datos solicitados sobre a localización exacta das parcelas experimentais de transxénicos en Galiza. Nesta liña tamén contan que están á espera do que o novo Goberno Galego decida facer neste eido, agardando que se adopten medidas que vaian alén "de apoiar a feble resolución do Parlamento".


1/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: