Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Seguirán as mobilizacións

Manteñen o bloqueo sobre a localización das parcelas con transxénicos

A Plataforma Galega Anti-Transxénicos subliña os antecedentes xurídicos no contorno da UE que exixen revelar onde están os cultivos.

Redacción - 13:00 14/03/2009

Hai apenas un mes, o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas resolveu ao respecto dunha petición de coñecemento da localización exacta de parcelas de experimentación transxénica no municipio de Sausheim. A solicitude fora realizada polo cidadán francés Pierre Azelvandre. A resolución xustifica a esixencia de facérense públicos os lugares de cultivo transxénico por motivos de "protección da saúde humana" e cita "os principios de acción preventiva e de cautela así como a transparencia das medidas relativas preparación e á aplicación de tales liberacións de Organismos Modificados Xeneticamente".

Ao fío do xa bautizado caso "Azelvandre" a Plataforma Galega Anti-Transxénicos aproveita agora para insistir en que se revele en Galiza a localización exacta das leiras onde hai sementeira de transxénicos. "É un dereito da cidadanía en xeral e, nomeadamente, das labregas e labregos, que dependen desta información para poder protexer os seus cultivos dunha segura contaminación", sosteñen.

A plataforma cidadá critica a "actitude incompetente e irrespectuosa" das administracións, que continúan a impedir o coñecemento público deses lugares. Recordan que no ámbito da Xunta, a Consellaría de Medio Rural advertiulles de que se trata de información manexada polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño. Do mesmo xeito, o goberno español responde agora que a responsabilidade sobre a ampliación de datos debe ser autorizada pola Xunta. O colectivo cualifica de "ridícula" a situación e pregúntanlle ás administracións "que intereses económicos empresariais" apoian fronte ao interese da cidadanía nunha cuestión de "saúde pública".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: