Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Iniciativa do BNG no Senado

O goberno español posiciónase a prol da barra libre de tranxénicos

A ministra de Medio Ambiente defende a necesidade deste tipo de cultivos e confirma que non seguirá a Alemaña, Francia, Italia ou Austria na súa prohibición.

Redacción - 19:45 28/04/2009
Elena Espinosa

Elena Espinosa

O BNG levou este martes ao Senado o debate sobre o cultivo de tranxénicos, ante o que se atopou cunha nova negativa da ministra de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa. A iniciativa foi presentada polo senador nacionalista Xosé Manuel Pérez Bouza, que instaba ao goberno estatal a acollerse á 'cláusula de salvagarda' para prohibir este tipo de cultivos, igual que fixeron países como Francia, Italia, Austria ou Alemaña.

Bouza pedíalle á ministra que prohibise a produción da variedade de millo MON 810, da multinacional Monsanto aducindo que "o rexeitamento a este tipo de cultivos é case unánime, mesmo por parte de parlamentos como o de Galiza" e mesmo concellos que prohibiron a súa plantación. Ademais, explicou que os alimentos tranxénicos "provocan unha perda da biodiversidade, fan que a alimentación dependa dunhas poucas multinacionais e aínda non se sabe os efectos que poden ter a medio prazo sobre o medio ambiente e a saúde humana".

Elena Espinosa recoñeceu coñecer as prohibicións impostas nalgúns países veciños, pero dixo que esta decisión "sería contraria á normativa comunitaria sobre Organismos Xenéticamente Modificados (OXM) e exporíanos a ser sancionados pola UE". No seu intento por defender os cultivos tranxénicos, a ministra lembrou que os OXM cultivados no estado "están autorizados pola Axencia Europea de Seguridade Alimentar", a mesma institución emitiu as avaliacións científicas que permitiron en 1998 crear o marco regulador que legalizaba estes cultivos.


2,67/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: