O filme de Ignacio Vilar foi o programa máis visto en Galiza. Ademais, a 'Galega' obtivo en marzo o seu mellor resultado en cinco anos.
Éxito no cine, éxito no DVD e éxito en televisión. Pradolongo pechou este martes un ciclo coa súa estrea na canle pública de Galiza, e foi o programa máis visto do día no noso país, con máis de 190 mil espectadores e unha audiencia media do vinte por cento, superando, por exemplo, a House ou Hospital Central. O filme dirixido por Ignacio Vilar foi, ademais, o programa máis visto en todas as cadeas autonómicas do Estado. Pradolongo batiu marcas no 2008, converténdose nunha das películas galegas máis vistas da historia (en xuño superara os corenta mil espectadores, entre as cifras oficias dos cinemas e os pases en concellos) e no Nadal situouse como unha das fitas en DVD máis demandas.
Vilar prepara xa o seu novo filme, que conterá algúns dos elementos que caracterizaron a Pradolongo (coidada selección dos escenarios naturais da película, preocupación pola lingua empregada, rodaxe en galego); o filme, Vilamor, rodarase en Negueira de Muñiz e nela serán protagonistas as comunas que se instalaron na localidade nos anos setenta.
A TVG, en ascenso
Durante o mes de marzo, a televisión pública incrementou a súa audiencia dende o 15.6% que rexistrara en febreiro, até o 16.3%, superando mesmo o dato de xaneiro (16.1%), cando se converteu na autonómica máis vista do Estado. O bipartito abandona a xestión da CRTVG deixando á televisión coa súa audiencia máis alta nos últimos cinco anos, un dato aínda máis salientábel se temos en conta a fragmentación televisiva, que está levando á maior parte das cadeas a mínimos históricos. A TVG só é superada por Canal Sur (17.7%), e sitúase por diante das primeiras canles das autonómicas de Cataluña e Euskadi (15% e 14.7%, respectivamente). Outras cadeas, como Telemadrid (10.6%), Canal9 (12.8%) ou as televisións de Castela A Mancha (11.1%) e Canarias (12%), fican moi atrás.