A pasada fin de semana, en Vilagarcía, tivo setecentos espectadores, superando mesmo a Indiana Jones.
A Rúa, O Barco, Ourense, A Coruña, Lugo, Compostela, Narón, Marín, Cee, Lalín, Leiro, Vilagarcía... Pradolongo segue o seu camiño por todas as vilas e cidade do país. Con atrancos, pelexando cada espazo para ser exhibida, pero co apoio do público, que proxección a proxección enche as salas. Pradolongo, un dos moi raros filmes rodados integramente en galego en toda a historia, está a demostrar que é posíbel, que se pode filmar unha película en galego e que, con esforzo, pódese distribuír e converterse en todo un éxito.
Leva corenta mil espectadores, comezando polos seis mil que viron os sucesivos pases que se ofreceron na comarca de Valdeorras, unhas cifras que o converten no filme galego de máis alta recadación. O éxito do filme fixo que varias vilas nas que non estaba previsto que se proxectase o solicitasen, como Xinzo, Marín ou Leiro. E sempre en salas comerciais, agás en Santiago de Compostela, onde ningún cine quixo exhibir a película, malia ao éxito colleitado noutras cidades, estreándose finalmente no Teatro Principal, co apoio do Concello.
"Non é doado, pero hai que estar aí: temos que empeñarnos, non nos podemos resignar", di Ignacio Vilar, que engade: o cinema galego ten que chegar ás salas comerciais". Pradolongo está abrindo un camiño para o futuro, para outros filmes: "o cinema galego pode facelo: trátase de contar boas historias".