Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xuventude GalizaNet 09

RSS de Xuventude GalizaNet 09
ENCONTRO NO MULTIUSOS DO SAR

Máis de 1.800 persoas estarán no décimo XGN

EdiciĆ³n do ano pasado
Nova sede e actividades como unha competición de robots, entre as diferenzas con respecto ás anteriores edicións dunha xuntanza que fai unha década.

Redacción - 11:30 01/04/2009
Imaxe da edición de 2008, que tivo lugar no Pazo de Congresos de Compostela

Imaxe da edición de 2008, que tivo lugar no Pazo de Congresos de Compostela

Do 3 ao 5 de abril, 1.800 mozas e mozos de 16 a 35 anos participarán no encontro informático Xuventude Galiza Net 2009, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, que chega este ano á súa décima edición. Por primeira vez, o punto de encontro será o Multiusos Fontes do Sar, en Compostela.

Xuventude Galiza Net é un evento que se presenta como unha referencia no mundo das novas tecnoloxías e convértese así nun punto de encontro neste eido tanto para todos os mozos e mozas que participan activamente nel como para os milleiros de persoas que poden achegarse ata o recinto para participar nas actividades exteriores programadas no marco do encontro.

Intranet e extranet
Hai dous xeitos de participar no Xuventude Galiza Net: por unha banda está o eido dirixido exclusivamente aos mozos e mozas de 16 a 35 anos que están inscritos para acceder á intranet do evento, situada na pista central do multiusos. Alí estarán situadas 1.800 persoas cos seus ordenadores, conectados por máis de 40.000 metros de cable, a unha velocidade de 1 xigabit. Estes mozos e mozas poden participar ademais en diversas actividades lúdicas, creativas, conferencias e talleres arredor da actualidade informática.

Outro xeito de participar neste evento informático é entrando ao espazo aberto, libre e totalmente gratuíto habilitado no vestíbulo do multiusos. Nesta extranet situaranse os stands da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, organizadora do evento, e das distintas empresas patrocinadoras; espazos para xogar ás videoconsolas máis novidosas; zonas de obradoiros; e outras actividades lúdicas para xente de todas as idades. Todas as persoas que se acheguen ata a extranet do Xuventude Galiza Net poderán participar en diversos concursos, asistir ás conferencias programadas e tamén á proxección da película Pérez 2, o ratiño dos teus soños, unha produción cinematográfica que será proxectada de forma gratuíta por Filmax Animation

Novidades
Nesta edición do Xuventude Galiza Net as novidades xiran arredor da robótica. Se o pasado ano se fixo unha breve incursión no mundo da robótica nesta ocasión levarase a cabo, coa colaboración da IEEE, a primeira edición do Campionato Internacional de Robótica XGN-IEEE. Neste campionato competirán máis de 100 robots chegados principalmente de Galicia, Madrid, Valencia, Reino Unido, Italia, Francia e Portugal. Estes robots realizarán diversas probas polas que serán puntuados para proclamar aos gañadores.

Así, os robots tomarán parte en probas de loitas de sumo, circuíto de velocidade, circuíto de habilidade, labirinto coñecido e labirinto descoñecido. Ademais, participarán nunha carreira de Fórmula 1, emulando a carreira que terá lugar no circuíto de Malaisia o domingo 5 de abril.

Outra das novidades máis salientables é a visita do Embaixador de LEGO no Estado Español, que visitará o Xuventude Galiza Net para presentar as últimas novidades internacionais da marca, aínda non dispoñíbeis no mercado. Deste xeito, todas as persoas que se acheguen ata o Multiusos Fontes do Sar poderán ver as exposicións de creacións realizadas por artistas de LEGO e participar en obradoiros de robots centrados na plataforma Mindstorm e en obradoiros de deseño, empregando o deseñador dixital e as pezas orixinais da marca.

Ademais, a organización do Xuventude Galiza Net seguirá a liña iniciada en edicións anteriores de potenciación do software libre a través de conferencias e obradoiros de Linux, coa colaboración de asociacións de usuarios, e da potenciación do uso do galego co obxecto de fomentar a normalización do idioma entre a xuventude, vencellando o galego á mocidade e ao eido vangardista das novas tecnoloxías. Ademais, a lingua, a cultura e o patrimonio galego terán tamén un espazo destacado dentro dos contidos deste importante evento informático.


4,5/5 (2 votos)