As 1.500 prazas dispoñíbeis para o encontro informático esgotáronse nun tempo récord de 28 segundos.
Así estaba o Pazo de Congresos na edición do ano pasado
As 1.500 prazas do encontro Xuventude Galiza Net 2008, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Xunta, cubríronse en 28 segundos, un récord para un proceso que se efectúa a través da internet e que cada ano recibe solicitudes masivas en moi pouco tempo.
Malia que xa non quedaban prazas ás 17:01 do sábado, o formulario de preinscrición permanecerá dispoñíbel na web do encontro até as 22 horas do domingo. É posíbel, en calquera caso, que se algunha persoa non completa a última fase do proceso de matrícula, aínda queden prazas libres. A matrícula ten un prezo de 37 euros ou 27 se se dispón de Carné Xove ou de Carné Máis.
A festa informática Xuventude Galiza Net está dirixida á mocidade de entre 16 e 30 anos e serve de punto de encontro e de referencia sobre as novas tecnoloxías. Desenvolverase entre o 14 e o 16 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela.