Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Día Mundial da Auga

No país dos mil ríos... barra libre de furados hidroeléctricos

Malia a recente admisión a trámite da denuncia por un dos proxectos no canón do Sil, o goberno español non contempla atención especial para a conca.

Redacción - 10:00 22/03/2009

O respecto "escrupuloso" da lexislación en materia de avaliación ambiental prometido polo Ministerio de Medio Ambiente foi aval, segundo os datos que o goberno español vén de facer públicos en resposta a unha pregunta do BNG no Congreso, para a o estudo de até 188 expedientes de solicitudes de concesións ou ampliacións de aproveitamentos hidroeléctricos na conca do Miño-Sil en Galiza. Máis polo miúdo: o goberno español concedeu até 51 deses aproveitamentos, denegou 102 e ten outros 35 en trámite.

Así consta na resposta, logo de que Olaia Fernández Davila, deputada do BNG, expuxese na súa pregunta parlamentaria a preocupación en Galiza pola "moi elevada presión" que xa soporta a bacía hidrográfica do Miño-Sil debido ao alto número de centrais hidroeléctricas instaladas. Ao respecto, a nacionalista solicitou a paralización dos proxectos en curso en base ao "tremendo impacto ambiental que sofre esta conca". Unha preocupación rexeitada polas autoridades estatais. Así, desde o Ministerio xestionado agora pola ourensá Elena Espinosa, sosteñen que se limitan a "aplicar a lexislación vixente" e que simplemente estudarán no seu caso as consultas e alegacións concretas nas distintas fases do proceso.

Feira de minicentrais e permiso para grandes encoros
Na práctica iso significa que o Ministerio vén aplicando unha curiosa matemática: outorga permiso para unha de cada tres solicitudes que lle poñen enriba da mesa. Así, o balance recente de minicentrais na área Miño-Sil amosa 51 aprobacións e 102 denegacións, estando 35 aínda en trámite. A nivel provincial: de momento en Lugo 14 concesións e 31 negativas, en Ourense 32 outorgamentos e 60 denegacións e para Pontevedra 5 concesións e 11 negativas.

Alén desa intensa minicentralización, o Ministerio de Medio Ambiente admite tamén un elevado número de "grandes centrais", é dicir, as de potencia superior a 5 mil Kva. Neste caso, unha delas, a de Frieira, en Pontevedra, está "en fase de últimas unidades" e outras 15 están en trámite, a maioría delas en Galiza e as outras na área de León. Un modelo de grandes encoros que "teñen un impacto medioamiental elevadísimo", segundo se laia Fernández Davila, pero fronte aos que non se estabelece freo algún. Así, en tramitación están: Central de San Estevo 2 no Sil en Ourense, central de Santa Cristiña no Sil en Ourense, central de Belesar 2 e Peares 2 no Miño en Lugo, central de Belesar 3 e Peares 3 no Miño en Lugo, central de Velle 2 no Miño en Ourense, central de Cartelle no Arnoia en Ourense e os saltos do Sela no Miño en Pontevedra.


4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: