Investigadores e ecoloxistas coinciden en propostas a prol de modelos de xestión hídrica baseados en criterios ambientais.
"É frecuente en Galiza a a constatación de que pola inercia e continuidade de actuacións non coherentes coas novas formulacións, persisten políticas de feitos consumados, que tratan ademais de rebaixar os obxectivos ambientais, en lugar de restrinxir os usos abusivos que se están a suceder". Tal é a avaliación realizada pola Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), desde onde poñen exemplo na "proliferación" de alteracións en ríos e humidais con impactos ambientais negativos. Advirten desde AGAIA do frouxo cumprimento e adaptación dos marcos lexislativos xa existentes e chaman a unir esforzos, "administración e cidadanía" en favor dunha viraxe na situación.
"Os planos dirixidos cara á consecución dos obxectivos fixados na Directiva esixen un correcto diagnóstico do estado ecolóxico para que se poida asegurar a restauración do ecosistema", expoñen, recordando que a Directiva europea Marco da Auga introduciu un marco legal susceptíbel de aproveitarse para poñer énfase "na calidade da auga e as súas funcións ambientais e no uso sostíbel da mesma". "É de crucial importancia que Galiza desenvolva decididamente esta nova estratexia e asegure o cumprimento dos seus obxectivos nos que aínda queda moito por avanzar", animan.
Novo Plano Hidróloxico
Na mesma liña, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) aproveitan a xornada do Día Mundial da Auga para propoñer media ducia de prioridades. A primeira, un novo Plano Sectorial Hidroeléctrico que consolide a moratoria e contemple a caducidade das minicentrais outorgadas que aínda non están en explotación, así como e a demolición dalgunhas infraestruturas obsoletas ou de alto impacto.
Por outro lado, subliñan a necesidade dun novo Plano Hidrolóxico" adaptado á Directiva Marco da Auga que contemple a xestión integral da bacía e a restauración hidrolóxico-forestal dos escosistemas fluviais". Tamén un Plano de Saneamento Integral "orzamentado e temporalizado para garantir a aplicación da Directiva de depuración de augas residuais e o tratamento de todas as verteduras urbanas e industriais no decurso da lexislatura". Unha cuarta proposta: "Reclamar as competencias hidrográficas para a totalidade do territorio galego bloqueando aqueles proxectos de aproveitamento hidroeléctrico promovidos no territorio competencia do estado". En quinto lugar: "Aposta polo de aforro e a eficiencia no consumo de auga, bonificando a reutilización e penalizando o desbaldimento, con tarifas progresivas en función do consumo". E por último, unha prioridade máis: "Promover sistemas de depuración descentralizados con en tecnoloxías brandas e procesos naturais".
Depuración "integral" e "minimización" do consumo
Sobre o mesmo asunto, desde o colectivo ecoloxista Verdegaia achegan diversas ideas acerca dunha "Nova Cultura da Auga", onde "a minimización do consumo e a depuración integral sexan os referentes" e onde as administracións asuman a súa grande parte de responsabilidade na actual situación. No aspecto negativo, chaman atención sobre datos como o de que o 40% dos núcleos de poboación maiores de 2000 habitantes de Galiza carece de tratamento secundario das augas residuais urbanas e "hai núcleos sen ningún sistema de depuración". Tamén recordan que as perdas de auga nas redes de distribución de abastecemento público aumentaron entre 1996 e 2003, até suporen "perto do 20% de toda a auga distribuída". "Ou que o 90% dos cursos fluviais padezan contaminación permanente ou frecuente", reprochan.
Para loitar fronte a ese escenario propoñen iniciativas que "impliquen a toda a cidadanía fomentando a co-responsabilidade na procura dunha Nova Cultura da Auga". De xeito específico: o estabelecemento de iniciativas fiscais e de tarificación que fomenten un consumo racional da auga; a separación en orixe das augas residuais industriais e as domésticas; implantación de sistemas descentralizados de depuración e fomento de sistemas de autoxestión de augas; aplicación inmediata de políticas de aforro en todos os edificios e actividades municipais e o desenvolvemento dun amplo programa de educación e sensibilización cidadá.