Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Problema competencial

Freo aos excesos nas bacías que dependen da Xunta e abuso na que depende de Madrid

Desde Adega apuntan un dos problemas: a Lei de Defensa dos Ríos Galegos, aprobada por unanimidade en 2006, "non pode aplicarse na metade do país".

Redacción - 10:00 22/03/2009

Cooperar e xestionar responsabelmente os recursos hídricos é unha das recomendacións das Nacións Unidas que se subliñan aproveitando a celebración, este domingo 22, do Día Mundial da Auga. Paradoxal recomendación no caso de Galiza, onde, recordan desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) a xestión "está dividida entre a Xunta e o Estado Español, que practican políticas opostas". Deste xeito, ao tempo que se paralizaba a concesión de minicentrais nas bacías de Galiza-Costa, seguía a barra libre de minicentrais na zona Miño-Sil.

Láianse os ecoloxistas desa situación, recordando que a Lei de Defensa dos Ríos, aprobada en 2006, chegou ao Parlamento a través dunha Iniciativa Lexislativa Popular, e que contou co apoio de todos os grupos parlamentarios. Nese documento, fixouse unha moratoria de novos aproveitamentos hidroeléctricos. Así e todo, advirten desde Adega dunha preocupación: hai 40 aproveitamentos outorgados que aínda non están en explotación, "algúns deles co prazo de execución xa vencido, e que non foron afectados polo decreto de suspensión". "Está por ver cal vai ser a postura da nova Xunta: se vai referendar a moratoria hidráulica ou se volverán os vellos tempos nos que os ríos eran reservorios de kilovatios para repartir entre os amigos", avisan. Ao fío, recordan exemplos de "corrupción e pésima xestión perpetrados en Rede Natura" que, insisten, "non deberían voltar".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: