Catedráticos e profesores universitarios, capitáns da mariña mercante, investigadores de centros públicos de investigación mariña, expertos de colectivos ecoloxistas... Nos andeis que algunhas memorias esquecen con rapidez hai ducias de testemuños onde se subliña a análise do acontecido co Prestige: a mala xestión da crise converteu o accidente en catástrofe e de xeito concreto, o afastamento do petroleiro foi a decisión clave para o desastre ambiental.
O propio Parlamento Europeo expresou no seu momento a súa preocupación pola teimosía do daquela executivo liderado por José María Aznar en defender o afastamento do buque. Nesta altura, cando menos un feixe de leccións básicas deberan quedar claras, coinciden en sinalar os expertos, e unha delas é que nas circunstancias que se deron naquel caso non era de ningún xeito recomendábel mover o petroleiro mar adentro tal e como se teimou en facelo.
Á galería de advertencias e despois do pronunciamento da Plataforma Nunca Máis, desde Greenpeace tamén anunciaban este sábado que poñerán os seus recursos xurídicos a traballar no asunto. O colectivo reprocha o furado xudicial aberto para aforrarlle cartos á caixa do Estado e considera que as conclusións da fase de instrución "crean un grave precedente ante futuros accidentes marítimos". "Abren un espazo de impunidade fronte a decisións da administración que, como no caso do Prestige, provocaron unha marea negra que lle afectou a 3 mil km de costa", censuran.
Os servizos xurídicos de Greenpeace irán en próximos días á Fiscalía Xeral do Estado para solicitar que se recorra o auto e se corrixa "este grave erro" e apoiarán as accións que a Plataforma Nunca Máis leve a cabo. Para Greenpeace é "inadmisíbel" que os xestores públicos responsábeis da maior catástrofe ambiental acontecida a nivel estatal "queden libres de calquera tipo de responsabilidade". "Isto abriría a porta a que ante futuras situacións similares se opte polas mesmas medidas erróneas que se tomaron nese momento e que provocaron unha catástrofe ambiental sen parangón", afirma Mario Rodríguez, Director de Campañas de Greenpeace, ao tempo que recorda que o caso acendeu as maiores mobilizacións sociais que se lembran no Estado fronte a un desastre ambiental.